
O pasado venres 14 de febreiro celebrouse na Cidade da Cultura de Galicia a presentación da nova revista Foro Galicia e Valle-Inclán. Publicación de Estudos sobre Ramón del Valle-Inclán promovida pola entidade homónima, que ten a súa sede oficial no Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal. Participaron Ánxo M. Lorenzo Suárez, titular da Dirección Xeral de Cultura, Xaquín del Valle-Inclán Alsina, presidente da asociación e director do consello editorial da revista e neto do escritor, e Antonio González Millán, director do Museo Valle-Inclán do Barbanza, a que é a institución valleinclaniana decana do país.
Iniciou a quenda de intervencións Antonio González Millán explicando os obxectivos do Foro, un proxecto de interese integrador, xurdido, dixo, do empeño pola democratización da investigación e do coñecemento en col da biografía, a xenialidade e a obra literaria do escritor máis internacional de Galicia. “Ramón del Valle-Inclán”, sinalou, “é ese gran artista da palabra cuxa identidade e estilo non precisan de pseudónimo para ser recoñecido dentro das letras mundiais. O seu protagonísmo e carácter internacional son produto dun intercambio de experiencias humanas e literarias que gardan especial relación con Galicia, mais maceradas intelectualmente co estímulo, aprendizaxe e reforzo daquelas nacións nas que descobre e cultiva estilos e ideas que conforman o seu sentido do mundo, que contemplamos ao longo da súa traxectoria e das súas páxinas”.
Deseguido Xaquín del Valle-Inclán Alsina, neto e recoñecido investigador do escritor, falou aos presentes das características e contidos da nova publicación, en síntese, aclararía, editada atendendo “á necesidade de promover a salvagarda do rigor, o estudo das fontes contemporáneas e a divulgación do fenómeno cultural valleinclaniano alén de cativos localismos impropios ao ronsel dun artista universal.” Pois que, don Ramón é produto e síntese das dúas ribeiras da Arousa, en irmandade, e a súa xenialidade sitúase por riba daqueles que pretenden reducila, encorsetar a un creador de ficcións artísticas que superan espazos e tempos alén do eido literario.
Concluíu o acto o titular da dirección xeral de cultura, Anxo M. Lorenzo Suárez, quen destacaría o carácter de símbolo de Valle-Inclán para as letras atlánticas e a mestría única do xenio galego. Razóns que, xuntas ao nivel dos estudos e ao rigor crítico ofrecido nas páxinas desta nova revista, “motivan o apoio da Dirección Xeral de Cultura, da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude”, sinalou, felicitando a todas as persoas que a fan posíbel.
O sumario deste primeiro exemplar de Foro Galicia e Valle-Inclán. Publicación de Estudos sobre Ramón del Valle-Inclán, Ano I, nº 1, inclúe traballos de investigación de: Herminio Valdecañas, Notas de amizade e manuscritos: Rubén Darío e Ramón del Valle-Inclán; Víctor Viana, Pedro Seoane Varela; Xaquín del Valle-Inclán, Epitalamio, a crítica e un dó non celebrado. Trátase dunha revista en edición bilingüe, ao estar destinada ás persoas lectoras de Galicia e das Comunidades de España, así como do exterior, con patrocinio da Dirección Xeral de Cultura, Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Xunta de Galicia. Sendo responsábel da coidada tradución ao galego Rocío Viéitez Ferro.




