O Entroido de Rianxo comeza o vindeiro 28 de febreiro cunha manchea de actividades organizadas (até o 8 de marzo) polo Concello e polas entidades sociais e culturais locais. Haberá concertos, iniciativas para a rapazada, concursos de disfraces, obradoiros, espectáculos na rúa, inchábeis e xogos. O venres 28 a troula arrinca ás 22.00 horas, na carpa do Entroido da praza de Castelao. Celebrarase a primeira eliminatoria cuarta edición do Concurso de Bandas Emerxentes e un Bingo Musical. Organiza a Asociación Festival Rock In Rian.
O sábado 1 as actividades desenvolveranse ao longo de toda a xornada, en parte na carpa do Entroido da praza de Castelao. Ás 13.30 horas haberá na carpa unha sesión vermú con The Cuncas e ás 18.00 volverá a Festa do Entroido con xogos infantís e pola noite música a cargo de Tania Veiras e DJs. Organiza a Asociación Sociocultural A Moreniña. As actividades do sábado tamén terán lugar no Centro Cultural A Capela do Araño, a partir das 17.00 horas, onde haberá concursos, música e filloas. Tamén se celebrará o Entroido no Centro Cultural Vicente Vidal de Leiro, con degustación de grelos e filloas, concursos de disfraces e música.
O domingo 2 de marzo o Entroido focalizarase na carpa da praza de Castelao, a partir das 16.30 horas. Haberá obradoiros e xogos diversos, desfiles e representacións das carrozas e grupos participantes no Certame de Disfraces, sorteos de agasallos entre as persoas disfrazadas e, para rematar, un espectáculo de rúa (Psychodelia) a cargo de Troula Animacion.
O luns 3 haberá inchábeis e xogos diversos na carpa da praza de Castelao, a partir das 16.30 horas.
O martes 4 a carpa dará acollida (a partir das 16.30h) a obradoiros entroideiros, animación, xogos, postos de degustación e un concerto a cargo de The Music Patrol, con posterior sesión de DJ.
O sábado 8 a actividade trasladarase ao Campo de Pasos, en Taragoña, a partir das 16.30 horas. A axenda inclúe inchábeis, obradoiros, xogos, desfiles, concurso de carrozas (premios aos tres mellores), unha gran verbena do Entroido, concursos, actuacións musicais e sesións DJ. Organiza a Asociación Cultural Campo Maneiro – Comisión de Festas de Taragoña.




