
O Concello de Rianxo sacou a licitación o desenvolvemento de accións formativas para a veciñanza en materia de xestión e aproveitamento do monte. O programa formativo, que conta cun investimento de algo máis de 74.000€, enmárcase no proxecto Laboratorio Ecosocial do Barbanza (Laboratorio vivo para a xestión multifuncional e custodia colectiva do territorio) financiado cunha subvención do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico por importe de 1.900.00€ e no que participan, entre outros, o Concello de Rianxo e a Plataforma pola Defensa do Monte.
As accións formativas xirarán en torno a cuestión como os traballos silvícolas, a xestión de gando en extensivo, o aproveito micolóxico e resineiro, o cultivo do castaño, a apicultura, etc.
O Laboratorio Ecosocial do Barbanza traballa para impulsar unha transición cara á sustentabilidade medioambiental e aumentar a resiliencia na xestión territorial dos montes do Barbanza. Actuando desde 2020 nunha comarca, a nosa, que sofre incendios forestais con frecuencia, o proxecto eríxese como un bastión na loita “pola xestión sustentábel, fundamentado en metodoloxías científicas sólidas e cun enfoque de colaboración e compromiso comunitario”.
Tomando o traballo previo do Laboratorio Ecosocial do Barbanza dos últimos catro anos como punto de partida, a proposta do Laboratorio foi seleccionada pola convocatoria de axudas para o fomento da bioeconomía forestal da Fundación Biodiversidad del Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO), recibindo un impulso de 2 millóns de euros para a xestión sustentábel do territorio.
Forman parte do proxecto a Fundación RIA, a Plataforma pola Defensa do Monte, a Universidade de Santiago de Compostela (a través do CISPAC e os grupos de investigación Histagra e Uxafores), a Universidad Pablo de Olavide, o Concello de Rianxo e a Fundación Montescola.




