As inmediacións do Campo de Fútbol Agra da Filgueira de Louro serán o escenario este domingo, 23 de febreiro, do Campionato de Galicia de BTT (3 horas de resistencia), organizado polo Club Ciclista de Muros coa colaboración do Concello de Muros. “Trátase dun evento importante que este ano pediu o Club Ciclista de Muros, co que estamos encantados de colaborar na organización”, afirmou na presentación da proba, este luns 17 de febreiro pola mañá, o concelleiro de Deportes, Damián Torea, que convida á veciñanza “a asistir ao campionato para desfrutar da espectacularidade da BTT”.

Xunto a Torea, estiveron na presentación José Romero, presidente do Club Ciclista de Muros; Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Galega de Ciclismo; a concelleira de Cultura, Caridad González; a de Obras, Laura Rivadeneira; a de Seguridade Cidadá, Sandra Maneiro, e o concelleiro de Servizos Sociais, Mario Martínez.
Desde as 10:00 horas do domingo, haberá probas desde Cadete a Master 60 en categorías feminina e masculina. Inscricións abertas ata este mércores, 19 de febreiro, en www.fgalegaciclismo.es
O Concello quere agradecer o traballo da Brigada de Obras municipal, Protección Civil de Muros, Policía Local, GES e Garda Civil de Muros.




