Heredeiros da Crus, icónica banda de rock do Barbanza, regresa a primeira liña de batalla con Trankimasin, o seu novo traballo discográfico, en palabras do grupo “unha colección de 12 comprimidos receitados en caso de deficiencia sanguínea de rock setenteiro e sempre baixo a estrita supervisión médica dos máis ghrandes”. Engaden que “a composición destas pastillas vai desde a irreverencia ata a retranca sempre mesturadas con alta dose de guitarras electrizantes e moitos miligramos do seu excipiente segredo: o ferro da base tractora demoledora dos Heredeiros”.

A singularidade de Trankimasin tamén reside no seu proceso de creación. A banda gravou este traballo a cabalo entre os emblemáticos estudios Strongroom de Londres, coñecidos por albergar a gravacións de artistas como Radiohead, Oasis e Arctic Monkeys, e os estudios Nakra de A Coruña. A produción correu a cargo de Iago Lorenzo, un colaborador de confianza que xa traballara co grupo en proxectos anteriores. A gravación celebrouse durante o último trimestre de 2024. Tras o lanzamento do seu primeiro sinxelo, Convensido, en Noiteboa, Heredeiros da Crus sorprendeu co tema De-Nunzia-nos, que mestura humor e retranca, características definitorias da banda.
A publicación de Trankimasin abre tamén o camiño para unha xira que promete ser un dos puntos álxidos da súa historia sobre os escenarios. Entre as datas xa confirmadas, destacan citas como o Resurrection Fest en xuño, o Silfest en xullo e o Fenerock e o Revenidas en setembro.
Con máis de trinta anos de traxectoria, Heredeiros da Crus mantense como un símbolo do rock feito en Galicia, conectando con audiencias de todas as idades a través da súa autenticidade e estilo único.
Fundada en 1992 en Ribeira, A Coruña, Heredeiros da Crus revolucionou o panorama musical galego co seu rock retranqueiro e o uso distintivo da gheada e o seseo. A banda acadou fama co seu álbum debut, A Cuadrilla de Pepa a Loba (1994), e consolidouse con traballos como ¡¡Está que te cajas!! (1996) e Erecsiones Munisipales (1999), que os levaron a escenarios nacionais e internacionais. Tras unha pausa en 2005, o grupo regresou en 2012, reafirmando o seu compromiso coa música e lanzando novos álbums como Jard Rock Con Fe (2013) e Derretidos (2019).



