En torno a 300 persoas participaron na I Recollida Simultánea de Paus de Batea

04 Febreiro 2025

Limpiarousa, Surfrider España, Proxecto aMARte e ADEGA impulsaron ao longo desta fin de semana, do 31 de xaneiro ao 2 de febreiro, a I Recollida Simultánea de Paus de Batea nas praias de Galiza, nun esforzo conxunto por preservar as nosas costas e “sensibilizar sobre a problemática da contaminación mariña”.

Paus de bate recollidos na praia de Río Azor, en Palmeira (Ribeira)

O Tarugotón, nome que recibiu esta iniciativa, mobilizou voluntariado en todo o litoral galego. En total, participaron na acción en torno a 300 persoas/entidades, ao longo de numerosas praias, e recolléronse ao redor de 15.300 paus de batea ou tarugos en tan só tres días, ademais de cordas enteiras cos tarugos enganchados.

Material apañado na praia de Ancoradoiro, en Muros

Esta iniciativa convidou a todas as persoas interesadas a asumir o reto de recoller o maior número de tarugos ou paus de batea en tan só unha hora en calquera das praias do país. Este primeiro Tarugotón, que agarda ter máis edicións, tiña como obxectivo “a retirada destes residuos nas praias” e, tamén, “visibilizar a problemática ambiental que supón a chegada masiva de paus plásticos ás costas, sensibilizar, concienciar, e abrir canles de diálogo con todos os actores implicados (administracións, empresas, sector bateeiro…) para procurar solucións a longo prazo”, explicaron dende ADEGA, que engade que estes paus de batea son elementos plásticos utilizados no cultivo do mexillón e que aínda que anteriormente eran madeira “na actualidade a súa versión plástica supón un desafío ambiental, xa que ao desprenderse ou romperse do sistema de cultivo dos bivalvos, acaban acumulándose nas praias”.

As entidades organizadoras, Limpiarousa, Surfrider España, ADEGA e Proxecto aMARte, móstranse agradecidas pola boa acollida desta acción de voluntariado ambiental, que cualifican de éxito. “Isto anímanos a lanzar máis convocatorias no futuro para incentivar a toda a xente a participar. Agardamos que tamén sirva para iniciar diálogos na busca de solucións”. As asociacións poñen a disposición unha ligazón específica para a consulta de todas as imaxes da I Recollida Simultánea de paus de batea en Galiza.

Outros artigos

Sábado 8, unha borrasca traerá máis nubes e orballo a Galicia

Galicia quedará este sábado baixo a influencia dunha borrasca situada ao oeste, que achegará unha fronte cálida ao longo do día. A xornada comezará con intervalos de nubes e claros, pero as nubes irán en aumento, podendo deixar algúns orballos na fachada atlántica. As...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“O forno de leña”. Luís Celeiro

“O forno de leña”. Luís Celeiro

Os daquela xeración que naceron antes dos anos sesenta do século pasado (moi lonxe e moicerca, ao mesmo tempo) lembran como se facía o pan de cada día nos fornos de leña. Decada día ou de cada mes. Lembran o pan prestado polo veciño e saben que se devolvía aococer,...