
Un amigo agasállame cunha fotocopia dunha carta asinada por min en papel oficial da
Asociación Cultural de Vigo da que eu era secretario executivo naquela altura (novembro
de 1970). Estaba dirixida ás tres asociacións culturais galeguistas convocándoas a unha
xuntanza para propoñerlles a creación dun premio literario cunha dotación económica
importante para o tempo. Asi empezou a miña actividade de fomento da literatura, cando
non había outros medios para galeguizar.
Máis tarde, en 1981, xa sendo funcionario do Concello de Redondela, propúxenlle ao
goberno municipal crear un premio de novela longa co nome de “Blanco-Amor”. Foi a
primeira experiencia de mancomunidade cultural na historia da administración local do
noso país. Cincuenta e catro concellos con cadansúa achega materializaron o proxecto.
Co paso do tempo acabei convencido de que o fomento da lectura de obras literarias non
eran os mellores medios para avanzar na conquista de novos espazos para a lingua
galega. Os datos estatísticos non menten: os índices de lectores son moi baixos. Vou
enumerar algunhas das accions desenvolvidas.
En 1991, cando a Asociacion de Funcionarios para a Normalización Lingüística (AFNLG)
empezou en solitario a fomentar a lingua galega nos usos xurídicos e xudiciais con
medidas programáticas que resultaron ser eficaces, botou man da literatura como reclamo
publicitario. Foron colaboracións escritas expresamente para darlle máis visibilidade ás
transformacións que se estaban a producir nos ámbitos aludidos co título “Contos da
Xustiza”. Un número cualificado de profesionais da xudicatura por primeira vez
achegábanse ao xénero literario para realatar anécdotas vividas por eles.
Esta experiencia repetímola máis tarde, en 2001, coa publicación de “Palabra por
palabra. Contos das policía”, escritos por funcionarios dos corpos e forzas de seguridade
de Galicia. Unha experiencia insólita. Foron tempos decisivos para que a cidadanía
puidese utilizar a lingua galega nas relacións orais e escritas nas comisarias de policía (o
“hábleme cristiano!” era unha expresión desgrazadamente moi recorrente nesas
dependencias).
Outra iniciativa importante da AFNLG foi fomentar o uso da lingua galega nos
testamentos, proposta que contou co apoio do Colexio Oficial de Notarios de Galicia. Para
a ocasión publicamos uns libriños con relatos curtos de autores coñecidos, incluído un de
don Victorino Gutiérrez-Aller, o único notario que protocolizou milleiros de instrumentos
xurídicos en galego. “Non desherdes a túa lingua” tamén acadaou a adhesión de moitas
persoas que redataron as súas mandas incluíndoas nos testamentos, obrigando aos
herdeiros que aceptaban a herdanza o respeto polo noso patrimonio cultural e lingüístico.
A campaña galeguizadora con maiores repercusión foi certamente a colección dos
“Contos do Castromil”. Ofrecímoslles a trinta autores a oportunidade de coparticiaren na
galeguización empresarial. Na historia da lingua galega ditos contos serán recordados
para sempre como a primeira experiencia onde a literatura estivo ao servizo duns
obxectivos de tal natureza.
Non podo rematar este relatorio sen mencionar as actividades desenvolvidas para
galeguizar os cemiterios e actos fúnebres. “En galego, agora e sempre”, foi outra
publicación de ampla difusión con relatos acaídos para a finalidade desta actividade.
Hoxe estou moi convencido da relativa importancia da literatura no proceso de
galeguización do país. Considero que a lectura de obras literarias é un hábito cultural que
practica unha mínima parte da sociedade.Mágoa que sexa asi; mais as causas son ben
coñecidas. A comunicación noutros ámbitos, porén, é unha necesidade social, onde a
escolla dunha lingua marxinando outra – hábito diglósico- depende do prestixio social que
os cidadáns lles atribúan á lingua de uso. O galego ten que normalizarse en ámbitos
transcendentes para a sociedade. Cómpre dedicar máis recursos económicos e medios
para conseguir este obxectivo, detraéndoos doutros capítulos de dubidosa
transcendencia.
*Presidente do Foro E. Peinador.