O Concello de Boiro organizou este venres o I Encontro do Tecido Cultural Boirense, unha xuntanza destinada a poñer en valor o labor das entidades, asociacións culturais e comisións de festas do municipio, ademais de establecer as bases para unha programación conxunta que integre as distintas propostas culturais.
O principal obxectivo deste encontro foi dar a coñecer as entidades culturais e as actividades que realizan, promovendo as sinerxias entre elas para avanzar cara a unha programación global e coordinada. A convocatoria contou coa participación de máis de 40 colectivos, entre os que se incluíron entidades culturais, asociacións veciñais, comisións de festas e grupos diversos.
A concelleira de Cultura, María Outeiral, destacou a importancia deste tecido asociativo: “Para min é un orgullo contar cun tecido cultural tan amplo e activo, que programa actividades para públicos moi diversos en todas as parroquias. Isto enriquece enormemente a vida cultural en Boiro”.
Durante o encontro, realizouse un balance das actividades celebradas ao longo do último ano, especialmente durante o verán, e abordáronse as diferentes líneas de axuda e colaboración impulsadas pola administración local. A concelleira recoñeceu o papel fundamental das entidades na dinamización cultural do municipio e asegurou que o Concello seguirá apoiando as iniciativas promovidas polos colectivos locais: “Somos un referente cultural e iso é grazas á implicación de todos os que programades actividades. Seguiredes contando coa colaboración do Concello de Boiro”.




