
O Concello de Boiro, mediante o Centro de Información á Muller (CIM), organiza este ano unha completa programación de actividades para o mes de marzo co gallo do Día Internacional da Muller (8M). O concelleiro de Política Social, Raúl Treus, participou na presentación do programa xunto con Dulcinea Ferreirós, de Cruz Vermella; e Guti, xerente do GinLab. “Dende a área de Política Social traballamos este mes dun xeito transversal con distintos sectores como son as entidades sociais e, neste caso, tamén con locais de hostalaría”, afirmou o concelleiro, engadindo que o acto central do 8M será o venres 7 ás 11.00 horas coa lectura do manifesto institucional que terá lugar no hall da Casa Consistorial e contará co acompañamento musical da Escola de Música de Boiro.
O xoves 6 de marzo, as mulleres dos Obradoiros de Memoria da Cruz Vermella de Boiro van participar nun programa do IES Praia Barraña nomeado As mulleres, motor da nosa vida mediante o que contarán as súas vivencias ao alumnado do centro. “Con esta actividade as mulleres relatarán ao alumnado as súas experiencias laborais fóra da casa, ámbito no que foron pioneiras, ademais de dedicarse aos coidados”, indicaron dende a Cruz Vermella.
Para dar visibilidade e promover este día e o Centro de Información á Muller do Concello de Boiro, o local GinLab terá unha hamburguesa especial durante o mes de marzo nomeada Naomi Parker en homenaxe á muller estadounidense que foi unha icona feminista e que deu lugar ao cartel famoso da muller co mono de traballo e pano no puño da campaña We can do it. “Será unha hamburguesa cun estilo americano destinada a dar visibilidade ao CIM de Boiro neste mes de marzo”, recoñeceu Guti.
Ademais, o Concello de Boiro continúa co programa de actividades Muller e Saúde, que no mes de marzo contará con charlas e formacións que se desenvolverán no Centro Social de Abanqueiro. A primeira das actividades será o 14 de marzo de 16.00 a 20.00h: unha charla sobre Recursos básicos para a xestión emocional que consistirá en dotar de ferramentas de xestión emocional e organización para mellorar a calidade de vida; o 21 de marzo no mesmo horario celebrarase Estilos de vida saudábeis – mindfundelss que se basea en coñecer a importancia do estilo de vida (ocio) no benestar persoal e mantemento do contacto directo da persoa co entorno. O 28 de marzo desenvolverase Xardinería terapéutica para empregar a interacción coa natureza e o coidado das plantas para promover melloras nas esferas física, cognitiva, emocional e social dos individuos.
Os días 5, 12 e 26 de abril están programadas sesións de adestramento de solo pelviano e o 21 de xuño será a data dun novo curso de autodefensa.
Para participar nas actividades é preciso inscrición previa no CIM de Boiro mediante o enderezo electrónico cim@boiro.org ou o teléfono 669 582 674.