Suxeitos ás reviravoltas dos acordos de pesca con países terceiros do Atlántico, España, Francia e Portugal van dando saída a medio cento de buques cerqueiros conxeladores que, por ter rematados os convenios que lles permitían faenar en augas deses paìses terceiros, permanecen á espera de acordos bilaterais destes coa UE que agora froitifican.
Deste xeito 24 atuneiros cerqueiros conxeladores, 10 atuneiros cañeiros e 22 palangreiros comunitarios poden beneficiarse do acordo establecido pola Comisión de Pesca do Parlamento Europeo coa República de Cabo Verde, país que proclamou a súa independencia de Portugal o 5 de xullo de 1975. Por este acordo bilateral Cabo Verde-UE, 56 buques poderán capturar 7.000 toneladas de atún e especies afíns en augas dese país atlántico durante os vindeiros cinco anos.
Por este acordo, a Unión Europea deberá pagar 780.000 euros anuais, dos que 350.000 serán destinados aos recursos pesqueiros e 430.000 ao apoio das politicas pesqueiras da República.
O protocolo terá vixencia ata o ano 2029. O seu obxectivo é mellorar a cooperación entre a UE e Cabo Verde para desenvolver unha política pesqueira sostible e garantir pràcticas pesqueiras responsables nas augas de Cabo Verde.
O acordo considérase importante para a frota europea que pesca atún no Océano Atlántico, Mantén os criterios comunitarios en materia de xestión pesqueira, conservación dos recursos e sostibilidade medioambiental, respectando ao mesmo tempo os dereitos humanos. Tenta contribuir, amáis, ao desenvolvemento socioeconómico de Cabo Verde, promover as condicións de traballo e mellorar a creación da capacidade científica. Promove a acción en materia de control pesqueiro e contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada (INDNR) con capacidade para mellorar o seguimento dos buques, a xestión das autorizacións de pesca e as medidas de xestión das poboacións de quenllas.
O texto debe ser aprobado este mes de febreiro polo Parlamento Europeo e o Consello.
Por outra banda, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) realiza xestións para que catro atuneiros vascos afectados polo remate do acordo de pesca con Senegal , que permanecen amarrados en portos deste país, poden retomar a súa actividade en breve tempo en Costa Rica ou Panamá.
Ao mesmo tempo, o goberno vasco estuda a posibilidade de activar axudas de mínimis dun máximo de 40.000 euros a cada barco para paliar o parón que están a vivir. Estas axudas, previstas na lexislación europea, non requiren autorización previa da Comisión Europea.