A sede do Real Club Náutico Deportivo de Ribeira foi o marco elixido por Ramiro Carregal Rey para celebrar o acto de Imposición da Medalla de Honra da Real Federación Galega que a institución velística outorgou ao empresario e navegante, en agradecemento e homenaxe á súa traxectoria empresarial e social, como un dos maiores mecenas que o deporte da vela ten na comunidade.

José Luis Torres Colomer, presidente do Náutico, fixo de anfitrión e mestre de cerimonias, acompañando na mesa a Carregal Rey e ao presidente da Real Federación, Manuel Villaverde, quen lle impuxo a distinción.
Da lectura da acta, na que se acordou tal distinción, encargouse o vicepresidente Federativo, Pedro Piñeiro, precedida dunha alocución que o propio Colomer perfilou sobre a figura de Ramiro Carregal Rey.

A decisión acordouse na xunta directiva da Real Federación Galega de Vela celebrada o pasado 20 de novembro na súa sede de Bouzas, na cidade de Vigo, a proposta do seu presidente, Manuel Villaverde Fernández, e acordada por unanimidade. Na xunta explicouse que “moitos son os méritos de. Ramiro Carregal Rey, en especial o seu amor e paixón pola mar, á que dedicou a súa vida, no profesional e no persoal, cunha traxectoria chea de éxitos que sempre celebramos con moito xúbilo e honra por ter a tan distinguido representante. Esta Medalla de Ouro da Real Federación Galega de Vela é símbolo de agradecemento e tamén de recoñecemento de todas as persoas apaixonadas polo deporte da vela, que sempre viron na figura de don Ramiro a un valedor e mecenas, xa non só no ámbito do deporte, senón tamén no da ciencia e a investigación médica. A vida na comarca do Barbanza, en toda a súa extensión, non se entende sen a presenza de Ramiro Carregal, cuxa pegada é eterna, deixando un ronsel que nos leva ata a súa querida Sálvora, símbolo dese amor persoal que acubilla a súa querida ría de Arousa”.

Máis dunha trintena de embaixadores das entidades náuticas galegas uníronse á homenaxe a Carregal, principalmente das comarcas do Salnés, Barbanza, Muros e Noia.

A medalla, tallada por un ourive de Vilagarcía, é a segunda que a Real Federación Galega de Vela outorga, tras ser a primeira a concedida ao rei emérito Juan Carlos I e que lle foi entregada o pasado mes de setembro durante o transcurso da cerimonia dos premios da IX Regata Rey Don Juan Carlos I – El Corte Inglés Master, organizada polo Real Club Náutico de Sanxenxo.