
Fai só uns días tivemos a oportunidade de ver imaxes dun exemplar adulto e vivo do denominado peixe demo negro, avistado a un par de quilómetros da costa da illa canaria de Tenerife. Este terrorífico animal mariño que vivía a unha profundidade de máis de mil metros, finalmente morreu. Fora descuberto por investigadores que, ien moito menos, agardaban un achado destas características.
A súa aparición quedou rexistrada nun vídeo a plena luz do día e as imaxes -reproducidas polas televisións de todo o mundo- foron gravadas pola ONG Condrik Tenerife especializada na pescuda e conservación de quenllas e raias en Canarias.
Os expertos cren que a morte do demo negro puido ser debida a factores como cambios súpetos nas correntes oceánicas, condicións ambientais adversas ou mesmo enfermidades que o debilitaran ou o obrigaran a abandonar o seu hábitat natural no fondo mariño.
Deste xeito, sinalan os medioambientalistas canarios, o seu organismo non tería soportado as condicións da superficie debido a que non está acostumado a sobrevivir fóra dese hábitat estremo.
O achado e posterior morte desta criatura ven ser unha perda moi valiosa para a biodiversidade mariña, mais tamén unha oportunidade perdida para os científicos que, aínda así, poden tirar conclusións dos restos do animal. Este, malia a súa aparencia temeraria, é inofensivo para os humanos.
De calquera xeito, o avistamento deste asombroso peixe permitirá estudar as características do peixe demo negro e comprender mellor os desafíos que enfrontan os ecosistemas mariños profundos polo cambio climático e/ou a actividade humana, afirman os ecoloxistas.
Coñecido coma un depredador das profundidades, a aparición deste peixe por riba dos 200 metros do fondo xerou tanto asombro coma confusión na comunidade científica.
Membros da ONG tinerfeña coidan que podería tratarse do primeiro avistamento rexistrado no mundo dun demo negro ou rape abisal adulto (melanocetus johnsonii) vivo, a plena luz do día e na superficie, xa que só existen antecedentes de larvas, exemplares adultos mortos ou gravados con submarinos.
O peixe demo negro usa o seu apéndice dorsal repleto de bacterias simbióticas bioluminiscentes coma cebo para atraer ás súas presas, do mesmo xeito que se amosa na película Buscando a Nemo, onde seguramente se fixo coñecido popularmente. O seu nome científico melanocetus significa literalmente “monstro mariño negro”, e o vídeo rexistrado nos derradeiros días do pasado mes de xaneiro evidenciou a razón.
É unha especie ameazada, da que quedan poucos exemplares, que habita nos mares tropicais e subtropicais de todo o mundo.
Barállase tamén que a morte deste exemplar fora debida a algún cambio de presión desde as augas fondas cara á superficie, ou ben que algún depredador de maior tamaño o comera e vomitara posteriormente enteiro e ferido máis preto da superficie.
Todo isto xustifica á crenza de que, a día de hoxe, o home coñece moito máis do espazo exterior da Terra que do fondo mariño deste planeta.