
Despois de 15 anos de traxectoria, a banda Terbutalina de Esteiro (Muros) anuncia nas súas redes sociais unha parada indefinida. Desde 2010, o grupo subiu de forma ininterrompida aos escenarios e agora, “coas baterías pedindo un respiro, decidimos facer unha pausa na nosa andaina musical”, sinalan os seus integrantes, agradecendo a conexión cos seareiros e a súa entrega: “Sinceramente, temos o mellor público que podiamos ter. Querémosvos moito e de seguro que vos imos botar de menos”, recoñecen os integrantes da banda no seu comunicado oficial”.
Ademais de agradecer ao seu público o apoio incondicional, Terbutalina quixo enxalzar o traballo de todas as persoas que fixeron posíbel a súa historia: músicos como Simón, Brais e Samu; colaboradores como Ovidio, Joki, Miguel600 e Gerardo; e, de forma especial, Tomás e Patricia, a quen consideran piares fundamentais do proxecto. Tamén quixeron destacar aos técnicos, camareiros, gardas de seguridade, bandas amigas e programadores que compartiron camiño con eles.
Un derradeiro baile en Bruxelas
A despedida de Terbutalina será por todo o alto no Festival Emigrasons, en Bruxelas, o vindeiro 22 de febreiro. O evento, que terá lugar na sala La Madeleine, promete ser, en palabras dos integrantes da banda, “unha noite inesquecíbel” e o punto final da súa andaina.
As entradas aínda están dispoñíbeis para todos aqueles que queiran vivir o último baile coa banda.
“Poeticamente, marchamos tocando na sala La Madeleine. Acudan! E bailen HOSTIA!”, animan desde Terbutalina.
Con este concerto, a banda pecha un ciclo marcado pola música en directo, a enerxía desbordante e a complicidade cun público que sempre os acompañou. A xeito de despedida tamén comparten un tema nas redes que xa podemos escoitar.