O segundo tenente de alcalde de Ribeira, Francisco Suárez-Puerta, desprazouse esta semana a Madrid para asistir á nova edición da feira turística FITUR. Fíxoo en calidade de concelleiro de Turismo e na súa axenda figuraba o pasado martes a súa participación no pleno da Rede Innpulso presidido pola ministra de Ciencia, Innovación e Universidades, Diana Morant. A presenza do edil ribeirán nesta sesión veu motivada polas súas competencias dixitais no Concello de Ribeira (é concelleiro de Novas Tecnoloxías, ademais de ostentar a Área de Turismo).

A Rede Innpulso é un foro de encontro e de definición de políticas locais innovadoras onde se comparten boas prácticas na xestión desas políticas e
iniciativas de comunicación para trasladar estes proxectos á cidadanía. Ribeira forma parte xunto con outras 90 cidades do ámbito estatal.
O pleno saldouse cos seguintes acordos:
1. Aprobación do ROF (Regulamento de Organización e Funcionamento da rede) por unanimidade.
2. O plan de traballo 2025, que estará dividido en catro grupos de cidades laboratorio (con Ribeira no grupo de espazos de experimentación) e que incluirá diversos seminarios en liña para obter financiamento nacional e europeo ao longo do ano.
3. Programa de Innovación para a Resiliencia Climática. O Concello de Ribeira sumouse para traballar no grupo de resiliencia climática, o seu
obxectivo é axudar aos municipios afectados pola DINA de Valencia, e levar a cabo as actuacións necesarias para obter unha preparación para futuro.
Colaboran o Ministerio, o Consello Superior de Investigacións Científicas, (CSIC), JRC (Join Reserch Center), a UNAD, Oficina Nacional de Asesoramento Cientifico (ONAC), a Rede Innpulso, a Universidade de Valencia e Universidade Politécnica de Valencia.
Suárez-Puerta manifestou que “este programa parécenos especialmente importante e o Concello poñerá tódolos medios posíbeis para colaborar nel”. Asegurou que “Ribeira aposta pola innovación e grazas a formar parte da Rede Innpulso poderemos ir incorporando melloras para o noso concello”.




