Os populares de Ribeira reúnense cos patróns maiores para abordar medidas clave para o sector pesqueiro

22 Xaneiro 2025

María Sampedro e Manuel Reiríz mantiveron un encontro cos dirixentes das tres confrarías na sede local dos populares na tarde do martes. Dende o grupo da oposición pedirán a celebración dun Consello Local de Pesca no que se podan tratar temas de importancia para o sector como a vixilancia ou a posta en marcha de iniciativas de carácter local.

A voceira do grupo municipal do Partido Popular, María Sampedro, e o membro da executiva local, Manuel Ángel Reiríz, mantiveron na tarde do martes unha reunión cos tres patróns maiores das Confrarías de Pescadores de Ribeira, Aguiño e Palmeira: José Antonio Pérez, José Antonio Santamaría e Miguel Franco. O encontro centrouse nas inquedanzas e propostas de interese para o sector pesqueiro local, así como en posibles iniciativas que se poderían impulsar desde o ámbito municipal.

Entre os temas tratados, destacou a preocupación polo furtivismo nas zonas de influencia das confrarías. Os participantes analizaron medidas de disuasión e apoio á vixilancia para reducir estas prácticas irregulares. A maiores, reclamouse unha maior implicación do goberno municipal, dado que conta cunha concellería específica para esta área.

O Partido Popular anunciou que solicitará a convocatoria do Consello Local de Pesca para abordar de maneira oficial os temas tratados e coñecer o estado das iniciativas da Concellería do Mar. María Sampedro lembrou que este órgano só foi convocado dúas veces na lexislatura, unha delas de forma extraordinaria pola chegada dos pellets. Os populares subliñaron a importancia de que este foro sexa un espazo de diálogo e coordinación co sector pesqueiro.

Durante a xuntanza, Sampedro tamén se mostrou crítica coa iniciativa presentada recentemente polo tripartito ao pleno municipal. Segundo afirmou, o proxecto foi elaborado sen consultar ao sector e inclúe a proposta de instalar unha hatchery na área de influencia da confraría de Aguiño, o que provocou sorpresa e desconformidade entre os patróns maiores.

A voceira do PP insistiu no apoio ao diálogo cos representantes das confrarías para buscar solucións consensuadas aos problemas do sector. Ademais, os populares abordaron a necesidade de garantir a obtención de semente para a rexeneración dos bancos marisqueiros. Sampedro criticou o incumprimento do tripartito ao non destinar os 180.000 euros prometidos o ano pasado para a compra de semente, afirmando que se tratou dunha promesa irrealizable.

Finalmente, tamén se valorou a posibilidade de colaborar coa Administración Autonómica a través de proxectos conxuntos entre o sector pesqueiro e os organismos científicos, fundamentais para facer fronte aos retos derivados de axentes externos como o cambio climático. As confrarías xa están implicadas en proxectos como os desenvolvidos por Redemar, pero destacaron a importancia de seguir impulsando novas liñas de axuda e cooperación institucional.

Outros artigos

Sábado 8, unha borrasca traerá máis nubes e orballo a Galicia

Galicia quedará este sábado baixo a influencia dunha borrasca situada ao oeste, que achegará unha fronte cálida ao longo do día. A xornada comezará con intervalos de nubes e claros, pero as nubes irán en aumento, podendo deixar algúns orballos na fachada atlántica. As...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“O forno de leña”. Luís Celeiro

“O forno de leña”. Luís Celeiro

Os daquela xeración que naceron antes dos anos sesenta do século pasado (moi lonxe e moicerca, ao mesmo tempo) lembran como se facía o pan de cada día nos fornos de leña. Decada día ou de cada mes. Lembran o pan prestado polo veciño e saben que se devolvía aococer,...