Ana Isabel Barreiro Rego presenta unha proposición para mellorar a rede de alumeado público en Ribeira

A concelleira do Grupo Municipal do Partido Popular de Ribeira, Ana Isabel Barreiro Rego presentou npara o seu debate no próximo pleno ordinario de xaneiro de 2025 unha proposición destinada a abordar as deficiencias da rede de alumeado público no concello. Segundo Barreiro, estas carencias foron transmitidas pola veciñanza a través de reunións en parroquias, queixas telefónicas e redes sociais.
Barreiro destacou que as deficiencias no servizo de iluminación son unha constante, sinalando casos concretos como luces apagadas durante meses nas sendas de madeira, rúas urbanas sen iluminación e unha especial desatención ás parroquias. A concelleira criticou a falta de supervisión do contrato de alumeado público por parte do goberno local, esixindo maior control e cumprimento das obrigas recollidas nos pregos de prescricións administrativas.
No pleno anterior, segundo Barreiro, aprobouse unha revisión de prezos importante para a empresa adxudicataria, mais non se observou unha mellora no servizo. Ante esta situación, o Grupo Municipal do Partido Popular propón as seguintes medidas:
- Auditoría do contrato: Realizar unha revisión íntegra para avaliar o cumprimento do contrato vixente.
- Avaliar o estado das luminarias: Comprobar a luminosidade, o estado das pantallas e báculos, así como os centros de mando en toda a rede de alumeado, incluídas as parroquias.
- Actualización do inventario: Revisar o número de luminarias e os seus cadros de mando, asegurando o seu correcto xeoposicionamento.
Barreiro lembrou que o contrato contempla catro prestacións principais: consumo eléctrico, mantemento, garantía total e amortización do investimento. Por iso, enfatizou a necesidade de supervisar os cartos públicos empregados neste servizo, tal e como establece a Lei de Contratos do Sector Público.
Con esta proposta, o Partido Popular busca garantir unha xestión eficiente e unha mellora inmediata na rede de alumeado público de Ribeira, respondendo ás demandas e necesidades da cidadanía.