O Laboratorio Ecosocial do Barbanza e Comunidade de Montes de Baroña desenvolven unha proba piloto para a valorización de residuos forestais

30 Xaneiro 2025

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza promove a transformación e valorización dos recursos forestais a través da compostaxe nas comunidades de montes, aproveitando os residuos agrogandeiros e forestais locais para unha xestión multifuncional dos montes, fertilización de plantacións forestais e recuperación de solos degradados. No marco desta liña de traballo, o Laboratorio desenvolve en Baroña (Porto do Son) unha iniciativa piloto para sensibilizar ás comunidades de montes sobre o aproveitamento dos residuos agrogandeiros e forestais mediante procesos de transformación que aporten valor aos recursos locais e promovan unha xestión máis sostíbel do territorio. Esta acción, que forma parte da actuación 3 do proxecto, está coordinada pola Plataforma pola Defensa do Monte e conta coa colaboración da Comunidade de Montes de Baroña, que ofrece os espazos e recursos necesarios para levar a cabo esta experiencia.

O obxectivo principal é, en palabras do Laboratorio, “transformar os residuos xerados nos montes en materiais útiles para a fertilización de plantacións forestais e a recuperación de solos degradados”.

E engade Ovidio Queiruga, presidente da Comunidade de Montes de Baroña: “Buscamos probar métodos innovadores e eficaces de tratamento deses residuos, aproveitando o seu gran potencial, ata agora pouco explotado. E, porque confiamos no seu potencial, estamos avaliando a posibilidade de habilitar unha área específica no Centro de Transformación de Baroña, para continuar con estas actividades a maior escala”, indica Ovidio Queiruga, presidente da CMVMC de Baroña

Como parte da proba piloto, creouse unha pila de gran tamaño composta por unha mestura de cama de cortello de cabuxas, con esterco e base de xestas e palla, e restos de poda forestal, triturada, procedentes dos traballos silvícolas da comunidade. Ademais, elaboráronse pilas máis pequenas con variacións nas proporcións dos materiais, co obxectivo de analizar cales ofrecen mellores resultados. Durante os últimos meses, realizáronse volteos periódicos nas pilas para garantir que alcancen as temperaturas necesarias para eliminar patóxenos, sanear a mestura e optimizar a súa descomposición. Como resultado, obtivéronse 30 m3 de abono de alta calidade dispoñíbel para ser utilizado pola comunidade.

O volteo da pila desempeña un papel fundamental neste proceso. Explican que “introducir osíxeno é esencial para o funcionamento dos microorganismos aeróbicos responsábeis da descomposición da materia orgánica; ademais isto axuda a distribuír a temperatura de forma uniforme, garantindo que todas as partes da pila alcancen as condicións necesarias para eliminar patóxenos e sementes non desexadas. O volteo tamén contribúe a manter un nivel de humidade equilibrado e a evitar a compactación do material, asegurando así unha boa circulación de osíxeno e un proceso máis eficiente”.

O Laboratorio ten o apoio dos fondos recibidos da Fundación Biodiversidade, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Reesilencia, financiado pola Unión Europea, ademais de xerar abono de calidade, esta acción ten como obxectivo ensinar ás comunidades do Barbanza aqueles procedementos necesarios para o tratamento dos residuos forestais e gandeiros. O enfoque principal céntrase no seu uso para a rexeneración de solos degradados e a mellora de espazos forestais. “O Laboratorio Ecosocial do Barbanza busca aplicar os resultados desta experiencia en futuras accións do proxecto, co propósito de capacitar ás comunidades no manexo integral do ciclo dos residuos forestais, desde a recollida ata a transformación, fomentando así unha xestión sostíbel e respectuosa cos recursos naturais”, indica Rafael Saco, presidente da Plataforma pola Defensa do Monte.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“O forno de leña”. Luís Celeiro

“O forno de leña”. Luís Celeiro

Os daquela xeración que naceron antes dos anos sesenta do século pasado (moi lonxe e moicerca, ao mesmo tempo) lembran como se facía o pan de cada día nos fornos de leña. Decada día ou de cada mes. Lembran o pan prestado polo veciño e saben que se devolvía aococer,...