O Laboratorio Ecosocial do Barbanza celebrou o seu segundo encontro aberto para explorar a creación dunha comunidade enerxética na comarca. O evento, que tivo lugar no Centro Cultural do Araño en Rianxo, contou cunha ampla participación de axentes sociais e institucionais locais, interesados en reflexionar sobre o futuro enerxético do territorio e as posibilidades dunha xestión máis eficiente e colaborativa dos seus recursos.
A xornada foi organizada pola Universidade de Santiago de Compostela, a través do CISPAC e o grupo de investigación Histagra, en colaboración co Observatorio Eólico de Galicia (OEGA). A coordinación correu a cargo de Xavier Simón, catedrático de Economía Aplicada na Universidade de Vigo e representante do OEGA. Este encontro enmárcase na acción 1 do Laboratorio Ecosocial do Barbanza, cuxo obxectivo é apoiar ás comunidades de montes na transición cara a modelos de xestión sustentable.
O proxecto conta con financiamento europeo grazas ao apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO), dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
Achegamos a nota de prensa con máis detalles e fotografías dos distintos profesionais que asinaron os acordos de colaboración.
