
O Concello de Boiro colabora co Club de Remo Cabo de Cruz na organización da XXII Regata Contrareloxo que terá lugar este sábado 1 de febreiro no peirao de Cabo de Cruz. O concelleiro de deportes, Marcos Fajardo, estivo este mércores 29 de xaneiro na presentación xunto co presidente do Club de Remo, Luís Piñeiro, e a presidenta da AECC, Marisa Lojo.
A regata realizarase na modalidade contra reloxo lineal na que van participar os equipos masculinos e femininos das categorías de absolutos e veteranos e tamén de base. Pola mañá celebrarase a regata das categorías base e veteranas, con saída ás 11.30 horas. Pola tarde será a quenda da competición das categorías absolutas ás 17.00 horas. “Contamos con 25 traíñas pola mañá e 36 pola tarde e uns 850 deportistas chegados, ademais de Galicia, do País Vasco, Valencia, Benidorm e Málaga”, recoñeceu o presidente do Club de Remo.
A regata, que cumpre este ao a súa 22ª edición, estrea bandeira solidaria coa que se van recadar fondos para a Asociación Española Contra o Cancro das inscricións, venda de camisetas e da xornada gastronómica que está prevista ao mediodía con paella e mexilloada. “Dende a Asociación Española Contra o Cancro estamos moi agradecidas da colaboración prestada polo Club de Remo con esta proba que é a primeira que se organiza e que vai ser moi especial porque van remar rapazas con cancro de mama”, recoñeceu Marisa Lojo.
O concelleiro de Deportes, Marcos Fajardo, animou a toda a veciñanza de Boiro e arredores a presenciar esta proba que “será unha gran xornada deportiva, cunha das probas máis importantes, a contrareloxo, e tamén solidaria, recadando fondos para a importante labor que desenvolven dende a Asociación Española contra o Cancro en Boiro”.



