O Concello da Cultura Galega prosegue impulsando a súa web como fonte primordial de información e celebración arredor de Castelao e a conmemoración, este ano, do 75 cabodano do seu pasamento en Bos Aires. Seguindo este fío, o CCG vén de publicar online documentación inédita da primeira homenaxe que se lle fixo ao ilustre escritor, debuxante, artista e político rianxeiro, que conta cunha sección propia na páxina en Internet da entidade cultural galega.

O acontecemento
A finais de setembro de 1975, Rianxo converteuse no epicentro dun acto histórico: a homenaxe a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao no 25º aniversario do seu pasamento. En palabras do CCG, este evento “non só foi un pioneiro recoñecemento ao legado dun dos maiores símbolos da identidade galega, senón tamén unha demostración de resiliencia fronte aos obstáculos impostos polo réxime franquista”. A través de documentación exhaustiva preservada, o Consello da Cultura Galega (CCG) dá a coñecer o complexo proceso de organización que implicou colaboración transatlántica, negociacións con autoridades e unha paixón compartida por honrar a memoria de Castelao. Con este especial o CCG abre o apartado específico na súa web no que concentrará materiais sobre o intelectual.
O especial
A primeira estatua a Castelao: unha historia da Transición é o título dun especial que contén un fondo documental xerado na organización do acto de Homenaxe realizado con motivo do 25º aniversario do seu pasamento e que tivo lugar en Rianxo o 27 de setembro de 1975. “Foi moito máis que unha celebración, representou unha reafirmación da identidade galega nun momento histórico complexo e consolidou lazos entre Galicia e as súas comunidades na diáspora”, sinalaron fontes do CCG na documentación que acompaña esta iniciativa, onde se engade que “a determinación dos organizadores e a colaboración internacional converteron este evento nun exemplo da recuperación do imaxinario galeguista nos últimos momentos da ditadura”.
Un proxecto transoceánico
A idea orixinouse no Patronato da Cultura Galega de Montevideo, que encargou a Xosé María Monterroso Devesa, residente en Galicia, a tarefa de coordinar os preparativos desde Galicia. Monterroso aliouse co doutor Agustín Sixto Seco, presidente do Patronato Rosalía de Castro, creando unha comisión organizadora que serviría de núcleo operativo para o proxecto. A sede desta comisión estableceuse na Coruña, converténdose nunha ponte entre Galicia e as comunidades emigrantes.
O CCG salienta que un elemento destacado desta homenaxe foi “o traslado dun busto de bronce de Castelao, doado pola colectividade galega de Uruguai”. Este busto, obra do escultor Xosé Escudero Couceiro, viaxou no buque Cabo San Roque ata Vigo, onde foi recibido por varios membros da comisión.

Atrancos e resistencia
No especial lémbrase que “o contexto político de España en 1975, marcado por un réxime autoritario que desconfiaba das expresións culturais propias, foi un desafío constante. A correspondencia entre o Patronato de Montevideo e as autoridades españolas revela os esforzos por obter permisos para o evento. As negociacións con alcaldes, gobernadores civís e mesmo ministros evidencian as tensións subxacentes. O doutor Sixto Seco, como líder da comisión, foi obxecto de críticas e mesmo ameazas debido á súa implicación, mais conseguiu reunir apoios decisivos no ámbito cultural. Tamén, ao tempo, o evento suscitou controversia entre a oposición interior e déronse destacadas ausencias de participación”.
Tamén entre as dificultades atopadas, destaca a oposición inicial dalgunhas autoridades locais a colocar o busto nun lugar prominente en Rianxo ou a designar o colexio local co nome de Castelao. Estas resistencias foron finalmente superadas grazas á presión exercida por intelectuais e a solidariedade da emigración galega.
O día da homenaxe
O 27 de setembro de 1975, a praza central de Rianxo acolleu o acto principal da homenaxe. Foi, segundo lembra o Consello da Cultura Galega, “un evento cargado de simbolismo, no que se falou exclusivamente en galego e onde a única bandeira presente foi a galega, un xesto cargado de significado político e cultural”.
O busto de Castelao foi cuberto inicialmente con esta bandeira, e o himno galego pechou a cerimonia, interpretado pola coral Cantigas e Agarimos. Os discursos, que incluíron intervencións de figuras como Ramón Otero Pedrayo, destacaron o compromiso de Castelao coa defensa de Galicia e a súa cultura.
No sitio web pode verse documentación que permite coñecer todo o procedemento. Todos os materiais cedidos son orixinais aínda que tamén hai fotocopias, foi dixitalizada e gardada nos fondos documentais do AEG.