O Bloque Nacionalista Galego vén de presentar unha Proposición Non de Lei no Parlamento galego na que demanda que “a Xunta asuma as súas responsabilidades en relación aos Conservatorios Municipais de Música”. A deputada Cristina Fernández Davila denunciou que o goberno do PP “está desentendéndose dunha competencia que lle corresponde, forzando aos concellos a asumir uns custos inasumíbeis para manter estes centros educativos esenciais para a formación musical do país”.
Na xuntanza desenvolvida no Parlamento Galego, tamén estiveron presentes as concelleiras do BNG ribeirense, Cruz Rivadulla e Antía Alberte. Lembraron que na actualidade “existen en Galiza 23 conservatorios municipais que imparten ensinanzas regradas de grao profesional” e que no caso do Conservatorio de Ribeira, este depende economicamente do Concello, que destina 760.000€/ano entre gastos de persoal e servizos, “a pesar de contar con alumnado procedente de diferentes localidades, xerando desigualdades evidentes con respecto aos conservatorios de titularidade autonómica, situados nas cidades e financiados pola Xunta”.

“As taxas nos conservatorios municipais son moito máis elevadas porque os Concellos deben cubrir os gastos, sen ningunha axuda da Xunta”, sinalou Fernández Davila, que puxo o foco na “falta de acceso ás listaxes de profesorado da Consellaría de Educación, que dificulta a substitución de docentes, provocando unha perda de clases que prexudica gravemente ao alumnado”.

Ante esta situación o BNG insta ao Goberno galego a “asumir a súa competencia en materia de educación musical e integrar os conservatorios municipais na súa rede de centros, así como convocar axudas para os concellos que actualmente sosteñen estes centros, garantindo recursos para persoal, material e infraestrutura”. Fernández Davila salientou “a importancia de escoitar ás direccións dos centros, ás comunidades educativas e aos concellos para avanzar cara á súa integración na rede pública”.
O BNG defenderá esta proposta no Parlamento galego, exixindo que o goberno do PP rectifique e “cumpra coas súas obrigas en materia de ensino musical en Galiza”, sinalou a agrupación.
A portavoz de Educación do BNG destacou que “non se pode asumir que a Xunta siga trasladando aos concellos os custos dunha competencia que lle pertence”. Para a deputada nacionalista a formación musical “é esencial e debe ser garantida pola administración autonómica, sen discriminar ao alumnado polo seu lugar de residencia”.




