O BNG de Rianxo presentou diversas propostas para seren incluídas no Plan de Obras e Servizos (POS) 2025 da Deputación da Coruña, mais lamenta que o goberno local fixese “oídos xordos” a estas iniciativas, que considera fundamentais para o municipio.
Entre as propostas do BNG destacaban:
- A finalización da obra na clínica vella para habilitar seis locais de ensaio ao servizo das entidades culturais rianxeiras, como a Escola de Música e grupos tradicionais.
- A mellora do saneamento na Vacariza.
- O arranxo da fachada do auditorio.
- A actualización do Cuartel Vello, recuperando un proxecto existente para ampliar e mellorar os Servizos Sociais.
Porén, o goberno local decidiu destinar máis da metade do POS a gasto corrente, algo que o BNG considera consecuencia da “mala planificación” e da “perda de recursos” debido á falta de aproveitamento de subvencións.
Ademais, a formación nacionalista critica que o goberno de ReC, ao que ve cada vez máis próximo ao Partido Popular, non aposte polo diálogo co resto da corporación progresista de Rianxo.




