O lume declarouse nunha vivenda da rúa Agra da Garrida, e non hai que lamentar feridos. Os bombeiros tiveron que intervir tamén noutro lume declarado nunha vivenda da rúa Preguntoiro

Os Bombeiros de Santiago de Compostela atenderon unha noite intensa, marcada por dous incendios declarados na cidade. Afortunadamente, en ningún deles se rexistraron feridos, aínda que os danos materiais foron significativos.
O incidente máis grave ocorreu nunha vivenda de tres andares situada na rúa Agra da Garrida. A alerta chegou ao 112 Galicia pouco antes das 5 da madrugada, cando un veciño informou de que a casa do seu próximo estaba ardendo. O ocupante da vivenda afectada atopábase xa no exterior no momento da chamada.
Os bombeiros mobilizáronse con rapidez e lograron controlar as lapas, pero o lume deixou o piso superior practicamente destruído. No operativo participaron tamén efectivos da Policía Nacional e Local.
A situación complicouse cando os bombeiros descubriron no interior da vivenda un obxecto, aínda por determinar, que podería ser un proxectil segundo algunhas fontes. Este achado motivou o desaloxo preventivo de varias casas próximas, para garantir a seguridade dos veciños mentres se avaliaba o risco.
O suceso está a ser investigado para determinar tanto a orixe do lume como a natureza do obxecto localizado. As autoridades locais permanecen en alerta para garantir a seguridade na zona.



