Muros Consciente volveu poñer o foco na necesidade de consumir con “sentidiño”

19 Xaneiro 2025
Presentación do programa en novembro

O Concello de Muros organizou a pasada tempada de Nadal (e tamén no pre-Nadal) a segunda convocatoria do programa Muros Consciente, unha iniciativa municipal para concienciar sobre a importancia do consumo responsábel, a economía circular e as boas prácticas como a reciclaxe a través de numerosas actividades.

No seu balance dos fitos acadados pola nova edición do programa, a alcaldesa María Lago sinalou que “desde o concello puxemos en marcha este programa para concienciar, con especial atención nos centros educativos, e co dobre obxectivo de implicar ao tecido asociativo e de mostrar como goberno o noso apoio ao máis próximo, o local, ao comercio e a hostalaría de Muros fronte ás prácticas das grandes superficies, como o Black Friday de novembro”.

Pola súa banda, Laura Rivadeneira, concelleira de Promoción Económica e Ensino, destacou precisamente “a boa receptividade e a implicación no programa do comercio de Muros, a hostalería e a veciñanza en xeral”, agradecendo “a colaboración da comunidade educativa, participando en obradoiros e nas visitas para o alumnado dos centros”.

Agradeceron ademais o labor e implicación de todas as asociacións, colectivos, empresas e artistas que participaron nesta edición, e á veciñanza que asistiu ás xornadas, roteiros, o microfaladoiro e as exposicións.

Por certo que o programa tamén incluíu audiovisuais e contidos feitos pola rapazada e a mocidade (principalmente) a prol do consumo responsábel e respectuoso co medio. Boa parte da actividade xirou arredor da web murosconsciente.org e das redes sociais, incluíndo un espazo propio en Facebook que foi un fervedoiro de contidos ao longo dos meses de outubro, novembro e decembro.

A campaña, promovida polo Concello de Muros coa dirección creativa do Espazo a Maceta, centrouse este ano nas estratexias de economía circular, enfocadas na xestión e redución de residuos na hostalaría local. Contouse novamente co apoio da empresa local Fresco y del Mar, firma referente neste tipo de iniciativas eco-responsábeis, que volveu pechar as súas portas durante a celebración da semana do Black Friday e que destinou o 10% das súas vendas ao longo deses días ás persoas e colectivos afectados por DINA na Comunidade Valenciana mediante de Cáritas Muros.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Un negocio moi rendible” – José Manuel Pena

“Un negocio moi rendible” – José Manuel Pena

Demasiada hipocrisía en materia de vivenda por parte de moito axentes políticos, sociais e empresariais. A vivenda continúa sendo un negocio e moi rendible para uns poucos propietarios sen escrúpulos, para os fondos voitre, grupos inmobiliarios e grandes propietarios,...

“Teresa de Antas” – Xulio Xiz

“Teresa de Antas” – Xulio Xiz

A Casa da Cultura de Antas de Ulla chámase Teresa Batán. Bautizárona co nome da muller que entregou a vida á Biblioteca do seu pobo. Para min é Teresa de Antas desde hai máis de trinta anos, amiga admirada pola dedicación preocupada pola cultura e polos nenos. Na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.