
Supermercados Gadis é a cadea galega de supermercados favorita para comprar peixe. Así o revela o último estudo publicado pola OCU, que mediu o grao de satisfacción dos clientes con 46 supermercados e hipermercados de todo o territorio nacional. Tendo en conta varios criterios de valoración, é a única empresa de distribución de Galicia coas súas peixarías entre as 10 mellores de España.
Na súa valoración do dito informe, Gadis lembra que foi dende sempre unha prioridade para a cadea a sección de peixe fresco e mariscos, “un sinal de identidade dos seus puntos de venda”, ao que se engade, sinala, “a atención personalizada no mostrador tradicional como un dos seus valores diferenciais, cun equipo de profesionais que acompañan aos clientes na decisión de compra e aconséllanlles sobre formas de preparación e conservación”. Ademais, promóvese capacidade de elección entre unha ampla variedade de produtos con calidade e prezos competitivos.
A aposta polos provedores locais e de proximidade converte á empresa galega nunha das compradoras de referencia en lonxas e portos desta comunidade. O seu modelo de adquisición directa en orixe polos seus propios profesionais permite a Gadis trasladar aos clientes estas vantaxes.
Desde as plataformas de compra e distribución da compañía nos portos da Coruña, Vigo e Burela e un centro de redistribución en Valladolid, repártese o peixe e o marisco aos puntos de venda mediante un eficaz sistema de loxística verde, que garante a rastrexabilidade mantendo en todo momento a cadea de frío. Optimízanse os roteiros, o que minimiza a pegada ambiental.



