
Na mañá deste 28 de xaneiro celebrouse a entrega de premios da edición do ano 2024 da Ruta de Tapas Barbanza Arousa no Restaurante Castelao, gañador do concello de Rianxo coa súa tapa Sofía, coa cal o propietario rende homenaxe á súa filla, que naceu o primeiro día dunha das edicións da Ruta de Tapas e este martes 28 recolleu o dito recoñecemento. O resto dos distinguidos foron os establecementos Plaza de Ribeira, A Terraza do Furancho de Boiro e London na Pobra do Caramiñal.
Esta iniciativa anual que se leva por parte da Mancomunidade (formada polos concellos de Ribeira, A Pobra, Boiro e Rianxo) consolídase ano tras ano e nela ponse en valor a enogastronomía do territorio, tanto o produtos do mar coma os viños da IXP Terras do Barbanza e Iria. É ademais “un produto desestacionalizador posto que ten unha grande capacidade de atracción da demanda en meses de tempada baixa, como son outubro e novembro”, explicaron dende Barbanza Arousa.
Colaboraron tamén as adegas da IXP Terras do Barbanza e Iria do territorio como son Entre os Ríos, Saborido e Cazapitas.
Esta pasada edición a Ruta de Tapas tivo unha participación de 36 establecementos, chegando a servir un total máis de 6.500 tapas ao longo das 4 fins de semana. “Este dato non fai outra cousa que subliñar a gran importancia do sector dentro do desenvolvemento económico do territorio, calculando un impacto aproximado directo nos establecementos participantes de máis de 32.000€”, explicou a xerente da Mancomunidade, Fátima Cachafeiro.
O presidente da entidade e alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, agradeceu a implicación e a participación e manifestou que “temos un produto de alta calidade que temos que continuar poñendo en valor e promocionando de forma colaborativa”.



