É moito frecuente ler nos xornais colaboracións nas que se esaxeran inmerecidos méritos
atribuidos a determinadas persoas, ou que se relaten feitos históricos que non se
corresponden coa realidade.Vou mencionar algúns exemplos.
No libro de Suso de Toro “Camilo Nogueira e outras voces” (1991) no que participei
xuntos con outras persoas atopei algunhas versións de feitos acontecidos que non se
axustan á realidade.
Cando a mediados da década dos setenta comezou o proceso de integración na UPG de
“Galicia Socialista” (GS), un grupo político significativo por contar con algunha base
obreira, un dos participantes naquelas conversas relata asi un escenario surrealista: “Un
día chega Pepiño con dous tipos todos traxeados e preséntaos como avogados do
partido, e cumpriron co seu papel.Pero máis tarde, cando fixo falta dixéronnos : “mira que
que eu non son da UPG”. Os negociadores da UPG foron mellores que os de Galicia
Socialista”(sic). O descrito xa é de seu un despropósito de relato político. Calquera que
se achegue a este texto pode pensar que os letrados van vestidos elegantemente para
participaren nun acto oficial nunha notaria que daría fé das recíprocas vontades de fusión.
A realidade foi ben distinta; outro informante, lembrando o acontecido, describe un
escenario natural: “ A reunión témola nunha praia de Redondela”. Postos a ser máis
concretos, apunto eu, habería que dicir que foi na praia de Cabanas, no estreito de
Rande, debaixo da ponte da autoestrada. Así que a fantasiosa lembranza na que
aparecen dous avogados traxeados é propia dunha alucinada recreación memorialista. En
que estaría a pensar o que contou o conto? A saber!. O transcendente, para o caso, é
que moitos historiadores no futuro transcribirana como certa cando é un disparate no
fondo e na forma.
Outro exemplo. En agosto de 1975 desatouse unha forte represión policial que levou ao
exilio portugués á case totalidade da dirección política da UPG. No interior permanecimos
dous. Servidor, lembra moi ben como foi detido o día 12, incluído un amago de paseo
nunha praia a altas horas da madrugada, e como pasou vinte días despois no cárcere.
Obtida a liberdade condicional fun detido outra vez nas portas da prisión e conducido
outravolta á comisaria onde permanecin tres días máis sen perder o tempero; aturei o
indecible dentro dun chabolo de pequenas dimensións sen respiradeiro que a policía
utilzaba para amolecer os detidos, provocándolles ansiedade por abafamento. De min non
saeu unha delación; prefería morrer. Xa no xulgado para prestar declaración, e ante o
calamitoso aspecto que presentaba, o xuíz Luís Manuel Amador Moreiras, moi
escandalizado, díxolle ao meu avogado Nemesio Barxa que fuxise; el, para curarse en
saúde, limitariase a ditar unha “orde de busca e captura” co argumento: “de que estando
el detenido prestando declaración en mi despacho, abrío la puerta y se fugó”. Aquela orde
de busca e captura durou moitos anos. Mais deixaremos o seu relato para outra
ocasión.Virginio Fuentes,exgobernador civil de Pontevedra do goberno socialista pode
acreditar esta historia.
Cando un diario dixital de orientación nacionalista publicou unha reportaxe sobre aqueles
feitos de 1975 silenciaron os feitos coa perversa intención de borrarme da historia.
Na páxina 142 do libro aludido de Suso de Toro, outro informante reclama para si a
autoría da colocación da estrela vermella de cinco puntas na franxa azul da bandeira
galega, explicándoo así : “Tomeina da República Federal de Iugoslavia. E tamén porque
quedaba moi bonita no medio”. A estrela vermella de cinco puntas estivo sempre
incorporada no deseño dalgúns logotipos partidarios do galeguismo. Obsérvese,por
exemplo, a súa presenza dentro do arco da fouce na insignia do Partido Galeguista. Esta
circunstancia histórica bota por terra as intencións mentireiras de alguén cuxa biografía
está inzada de reviravoltas políticas e ideolóxicas que o levou a un fin previsible: o
suicidio. Vergoña debéralles dar aos que o apoiaron e acompañaron politicamente.
Fun eu, e non ese nefasto personaxe o que decidíu incorporar a estrela vermella de cinco
punto na franxa azul da bandeira galega. Asi foi como se conseguíu a súa divulgación
seguindo as miñas instrucións cando tiven poder decisorio para facelo. Nesa altura
estabamos preparando a presentación do Consello das Forzas Política Galegas dos que
eu fun cualificado estratego, e a alternativa das “·Bases Constitucionais para un Goberno
Provisorio Galego”. Beiras ten escrita esta historia nun libro seu. Naquela altura o
impostor aludido non tivera protagonismo político ningún.
Todo sexa pola reconstrución da memoria histórica e para garantir o afortalamento da
identidade galega no futuro.
- Presidente do Foro E. Peinador.