A Surf House de Miñortos e a vivenda unifamiliar de Panchés de Arrokabe, premiadas polo COAG de Santiago

24 Xaneiro 2025

A Delegación de Santiago do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) celebrou este 24 de xaneiro a entrega dos diplomas da primeira edición dos Premios Próximos. Fíxoo nun acto celebrado no Museo do Pobo Galego que completou o aforo con máis de 80 asistentes. Na cita entregouse unha distinción aos arquitectos responsábeis da Casa Surf de Miñortos (Porto do Son)

No evento interviñeron o decano do Colexio de Arquitectos de Galicia, Luciano Alfaya, e o presidente do COAG Santiago, Ángel Cid. Tamén participaron Diego Cisterna, secretario da delegación, Manuel César Vila, concelleiro de Economía e Facenda de Santiago; María José Maroñas, tenente de alcalde de Porto do Son; e Magdalena Pérez, concelleira de Réxime Interior e Persoal e Administración de Porto do Son. Amais, contouse coa presenza doutras autoridades como o subdirector da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, José Manuel Bermúdez; o director da Fundación RIA, Manuel Rodríguez; e o presidente do Ateneo de Santiago, Francisco Candela.

Ángel Cid explicou que os Premios Próximos non son unha competición, senón un reflexo da arquitectura de Santiago e a súa comarca. “A arquitectura de Santiago e a súa área vive un momento especialmente brillante con multitude de recoñecementos nacionais e internacionais, froito dun traballo conxunto, do talento dos arquitectos e de administracións pegadas ao terreo, e de escoitar máis as demandas da sociedade”, dixo.

Pola súa parte, Luciano Alfaya destacou o valor da arquitectura de proximidade que estes Premios Próximos resaltan distinguindo obras de gran calidade en concellos da área metropolitana de Santiago. “Son os premios de compañeiros que tratan de recoller algúns dos múltiples xeitos de facer arquitectura, de poñer en valor esforzos en moi diferentes escalas e moi diferentes momentos”.

Estes galardóns recoñecen obras e proxectos realizados na demarcación colexial, onde se engloban 32 concellos do sur da provincia da Coruña, é dicir, municipios das áreas de Compostela e Barbanza, e supoñen un recoñecemento ao labor “conxunto e tan necesario” de todos os axentes que interveñen no proceso de xestación e construción dunha obra de arquitectura de calidade –arquitectos e promotores, ademais dos axentes participantes no proceso edificatorio–.

Un total de 42 propostas presentáronse a esta convocatoria dos premios, das cales o xurado elixiu finalmente 9 obras gañadoras. O xurado estivo composto pola arquitecta María González, socia fundadora do estudio SOL89 e profesora asociada do Departamento de Proxectos da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade de Sevilla; o arquitecto Alfredo Freixedo, socio de Oikos Estudio SLP e antigo docente no Departamento de Proxectos Arquitectónicos na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña; e o arquitecto coordinador da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago de Compostela, Ángel Panero, Premio de Arquitectura/Rehabilitación de Galicia 2018 e coordinador académico do Curso Superior de Xestores de Obras de Rehabilitación da Fundación Laboral da Construción. Os membros do xurado valoraron moi positivamente a alta calidade dos proxectos presentados e celebraron o nivel das propostas candidatas.

Baixo o nome de Premios Próximos, o certame fai referencia ao espírito do ciclo de conferencias homónimo que organiza a Delegación de Santiago, co fin de dar a coñecer traballos arquitectónicos próximos á delegación, ben polo emprazamento das obras, dos estudios profesionais ou polo contexto que os envolve.

Reflexión sobre os ritos que a arquitectura vai consolidando ao longo do tempo

O COAG Santiago celebrou tamén, previamente á entrega dos premios, unha conferencia titulada Áncora ou Trampolín que impartiron os arquitectos María González e Juanjo López de la Cruz, fundadores do estudio de arquitectura Sol89.

Na charla, os arquitectos partiron do aforismo de Andrés Neuman Tradición, áncora ou trampolín? para analizar tres proxectos, dúas vivendas e unha rehabilitación dunha antiga almadraba, onde reflexionaron sobre os ritos que a arquitectura vai consolidando ao longo do tempo.

A Surf House de Miñortos, en Porto do Son

As propostas gañadoras

Entre as propostas condecoradas atopamos a vivenda unifamiliar Surf_House en Porto do Son (Lugar de Fieiro-Miñortos) elaborada por Álvaro Marín Durán e Alfonso Castro Lorenzo, de Dosesmas Arquitectos, SCP. Unha vivenda de plantas ordenadas, atractiva e delicada. A formulación para a súa implantación non é evidente, xa que en lugar de proxectar unha casa orientada directamente cara á paisaxe, selecciona coidadosamente a maneira en que desexa relacionarse coa súa contorna e coa veciñanza. E faino a partir dunha serie de muros que proporcionan protección, pero que a súa vez definen unha secuencia de espazos internos e externos.

A vivenda unifamiliar de Carnota

Outro caso a salientar foi unha vivenda unifamiliar en Carnota (lugar Panchés, Polígono 36, Parcela 442, Horta das Ameixeiras), elaborada por Óscar Andrés Quintela e Iván Andrés Quintela de Arrokabe, SLP. O proxecto representa unha interesante reinterpretación das tipoloxías residenciais existentes na zona, cun toque innovador. Este enfoque combina a construción pesada, executada in situ para adaptarse á topografía do terreo mediante formigón e pedra, cun sistema lixeiro e industrializado de armazón de madeira para os elementos elevados, dando como resultado unha construción contemporánea cun diálogo natural e integrado coas estruturas preexistentes e o lugar.

A casa rehabilitada na rúa do Medio en Santiago

Os outros proxectos galardoados foron: unha rehabilitación dunha vivenda unifamiliar en Brión (Lugar Guitiande), elaborada por Lourdes Pérez Castro, Óscar Andrés Quintela e Iván Andrés Quintela, de ARROKABE, SLP; a readecuación da Capela do Pilar da Catedral de Santiago para a implantación de novo mobiliario para os usos penitenciais (Catedral de Santiago de Compostela), elaborada por María Cristina Nieto Peñamaría e José Luis Gil Pita; a Casa 2M en Santiago (Rúa do Medio, 41), elaborada por Álvaro Marín Durán e Alfonso Castro Lorenzo, de Dosesmas Arquitectos, SCP; o campo de fútbol de Santa Isabel (Santiago de Compostela), elaborado por Enrique Manuel Blanco Lorenzo e Patricia Sabín Díaz; o campo de fútbol en Toques (A Coruña), elaborado por Enrique Manuel Blanco Lorenzo e Patricia Sabín Díaz; dúas vivendas pareadas na Muíña (Santiago), elaboradas por Alberto Redondo Porto, José Martín Valladares Durán e Marcial Rodríguez Rodríguez, de Redondo Valladares y Rodríguez, SLP; e o Centro de servizos en Teo (Travesía da Ramallosa 7), elaborado por Juan Antonio Varela García, María del Carmen Escorihuela Vitales, Miguel Alonso, Flamarique, Roberto Erviti Machain, de MRM Alonso Erviti Escorihuela Arquitectos Asociados, SLP.

Outros artigos

Sábado 8, unha borrasca traerá máis nubes e orballo a Galicia

Galicia quedará este sábado baixo a influencia dunha borrasca situada ao oeste, que achegará unha fronte cálida ao longo do día. A xornada comezará con intervalos de nubes e claros, pero as nubes irán en aumento, podendo deixar algúns orballos na fachada atlántica. As...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“O forno de leña”. Luís Celeiro

“O forno de leña”. Luís Celeiro

Os daquela xeración que naceron antes dos anos sesenta do século pasado (moi lonxe e moicerca, ao mesmo tempo) lembran como se facía o pan de cada día nos fornos de leña. Decada día ou de cada mes. Lembran o pan prestado polo veciño e saben que se devolvía aococer,...