A RAG activa unha web para profundar no inxente legado político e cultural de Castelao

07 Xaneiro 2025

A Real Academia Galega comezou o ano estreando na súa web un novo espazo no que irá amosando ao longo do Ano Castelao os fondos que custodia relacionados coa vida e a obra do rianxeiro máis universal, dende manuscritos e fotos ata materiais bibliográficos e hemerográficos. Como lembraremos, este 2025 celébrase o 75 cabodano do pasamento do ilustre rianxeiro en Bos Aires, que falecía na capital arxentina tal día coma hoxe, o 7 de xaneiro de 1950.

A RAG quixo sumarse ás celebracións que lembrarán a figura e o legado do autor de Un ollo de vidro estreando un novo sitio web no que irá incorporando, ao longo dos vindeiros meses, distintos fondos que custodia relacionados con quen é “sen dúbida a gran figura política e cultural da Galicia contemporánea”, explicou o presidente da institución, Víctor F. Freixanes, engadindo que “xunto con Rosalía de Castro, Castelao é o primeiro referente da galeguidade. Rosalía no século XIX. Castelao no XX”. O presidente da Academia asistirá este mediodía á homenaxe no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres coa que arrinca a programación conmemorativa que desenvolverán ao longo do ano distintas entidades.

Homenaxe a Castelao das Irmandades da Fala, en Lugo no 1935

O novo sitio de academia.gal que se estrea este 7 de xaneiro consta de dúas seccións. En Castelao na RAG preséntanse de maneira divulgativa materiais da Academia relacionados co intelectual rianxeiro que poden ser de interese para a comunidade investigadora e tamén para o público xeral. “Este espazo acolle tanto os documentos gráficos e textuais conservados no noso arquivo —manuscritos dalgunhas conferencias, textos da súa autoría e outros documentos que sinalan a pegada que deixou Castelao— coma a súa presenza nos fondos bibliográficos e hemerográficos. Preténdese con todos eles ilustrar a obra e a biografía do rianxeiro”, explica o académico Henrique Monteagudo.

Bandeira do Consello de Galiza

Na outra sección, Pezas destacadas, membros da RAG e outros especialistas presentarán cada mes unha peza senlleira relacionada coa biografía ou a obra de Castelao. “Aínda que non todas estean hoxe depositadas nas instalacións da RAG —como é o caso dos grandes cadros de cegos que se poden visitar no Museo de Pontevedra—, todas son propiedade da institución e como tales as ofrecemos ao público”, engade Monteagudo.

A primeira peza da colección da RAG que se amosa é a bandeira do Consello de Galiza, denominada bandeira de Castelao, empregada nas exequias do escritor en Bos Aires, que foi doada á Academia pola súa viúva. O encargado de comentala é Carlos Brandeiro, académico correspondente fincado na capital arxentina, quen recorda como a despedida deste galego universal conmoveu a cidade porteña: “Artigos nos xornais máis importantes da Arxentina; adhesións dende diferentes partes do mundo; emoción e dor nos discursos; milleiros de mans que teimaban en tocar o féretro; nove carrozas que portaban 87 coroas florais; unha manifestación que paralizou a avenida Belgrano; un funeral de Estado”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La cantina móvil de Cruz Roja”. José Castro López

“La cantina móvil de Cruz Roja”. José Castro López

Las mejores iniciativas sociales suelen ser también las más sencillas, no necesitangrandes edificios ni presupuestos millonarios, basta una buena idea y la voluntad deponer a las personas en el centro. Ocurre con muchas propuestas, tanto de iniciativaprivada como de...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.