A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Barbanza convocou unha nova concentración para reclamar a mellora da atención na nosa comarca, poñendo o foco en casos de urxencia como o do Centro de Saúde de Aguiño. A cita será este venres 31 de xaneiro ás 12.00 horas diante do edificio do SERGAS en Santiago. Dous buses sairán da parroquia de Aguiño en Ribeira para demandar a cobertura do 100% das prazas médicas no Centro de Saúde de Aguiño. Está concentración forma parte das continuas e repetidas mobilizacións que a veciñanza de Aguiño leva realizando dende o 25 de outubro (concentracións diante do centro de saúde semanais, recollida de sinaturas, colocación de pancartas por todo o pobo…), e que o próximo sábado 15 de febreiro convoca unha manifestación na parroquia, baixo o lema Aguiño quere médicas ao 100%.
Como dixemos, a cidadanía de Aguiño leva meses denunciando a “precaria situación que vive a poboación da vila e da súa contorna en materia de atención médica”, coa xubilación e a baixa de longa duración de dous profesionais médicos pendentes de seren cubertas.




