A comisión organizadora das Xornadas de Cultura Mariñeira Muros Mira ao Mar aprobou a elección da data de celebración: 4, 5 e 6 de xullo de 2025. En palabras do Concello, será de novo unha fin de semana chea de actividades culturais e tradición mariñeira, coa vila de Muros actuando como principal protagonista desta celebración.
A alcaldesa, María Lago, destacou “a importancia dunhas xornadas que dan protagonismo á nosa esencia como pobo e xa son unha cita consolidada na comarca”, agradecendo de antemán “a implicación do tecido asociativo local e da veciñanza, encargada o ano pasado de ambientar as rúas e prazas de Muros”.
A concelleira de Cultura, Caridad González, asegurou que “os días 4, 5 e 6 de xullo, Muros converterase no epicentro da cultura mariñeira coas XX Xornadas de Cultura Mariñeira ‘Muros Mira ao Mar’, unha celebración única da nosa identidade marítima. Nas próximas datas, comunicaremos a temática destas xornadas, as bases para participar no mercado mariñeiro e ofertarase aos centros de ensino a posibilidade de participar no concurso anual para elixir o cartel do evento”.
Pola súa banda, Laura Rivadeneira, concelleira de Promoción Económica, resaltou pola súa parte “o impacto positivo desta celebración para a economía local e o sector servizos, nunhas datas nas que hai moita xente en Muros”.
