A Deputación brinda o seu apoio á integración socio-laboral de Ambar

16 Xaneiro 2025

A Deputación da Coruña, a través das liñas de axudas dedicadas a entidades sociais da provincia, colabora coa asociación inclusiva Ambar, con sede principal en Ribeira, en distintos programas de integración social e laboral para persoas con diversidade funcional da comarca de Barbanza e no seu plan Vivenda con apoio.

A deputada de Política Social, Mar García Vidal, acompañada do concelleiro de Relacións Institucionais de Ribeira, Francisco Suárez-Puerta, visitou o centro de recursos de Ambar en Ribeira, onde a entidade ofrece servizos de centro de día e centro ocupacional a un total de 79 persoas procedentes dos concellos de Rianxo, A Pobra, Boiro, Ribeira e Porto do Son.

García Vidal quixo coñecer en primeira persoa as melloras efectuadas nas instalacións do centro, os programas que subvenciona a Deputación e explorar novas liñas de colaboración.

Lembrou na súa estadía en Ambar que o pasado ano “a Deputación apoiou con 52.250 euros obras de conservación e mellora de equipamento do centro e destinou outros 15.700 euros a apoiar o programa Vivenda con apoio da asociación inclusiva”.

A través desta achega, a Deputación dá apoio á vivenda tutelada de Ambar, activa desde o 2014: un domicilio que asiste ás persoas con diversidade funcional que favorece a autonomía no fogar dos usuarios, así como as súas habilidades básicas e instrumentais para a vida diaria e o coidado da saúde.

A deputada salientou que Ambar tamén leva a cabo obradoiros para adquirir habilidades para a vida diaria, empregando recursos e materiais reais propios dun fogar. Á súa vez, ofrécense obradoiros de manexo das novas tecnoloxías para favorecer a comunicación e o uso de servizos comunitarios.

“Desde a Deputación queremos seguir traballando de forma conxunta con Ambar para promover a independencia, autonomía e igualdade de oportunidades das persoas con diversidade funcional”, afirmou Mar García Vidal, que destacou o “gran traballo” que desenvolve a entidade, recoñecida co Premio de Boas Prácticas en Servizos da Deputación en 2023.

Asociación Ambar

Desde 1982, a Asociación Ambar presta servizo a persoas con diversidade funcional e ás súas familias nos concellos de Boiro, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Rianxo e Porto do Son. A súa misión é “promover unha sociedade igualitaria na que todas as persoas gocen dos mesmos dereitos e poidan vivir de forma independente e autónoma”.

Ambar desenvolve mancheas de iniciativas que buscan “sensibilizar e educar en valores, mellorar a accesibilidade universal, aportar servizos de autonomía persoal e conciliación familiar, posibilitar a vida independente dentro da comunidade, promover o traballo digno, impulsar a expresión artística e a creatividade e facilitar experiencias deportivas culturais e de lecer”.

Outros artigos

Falece un ciclista tras sufrir unha caída nunha pista forestal en Cee

A vítima formaba parte dun grupo de sete persoas que percorría en bicicleta o Camiño a Fisterra Un ciclista perdeu a vida esta tarde no concello coruñés de Cee tras precipitarse da súa bicicleta mentres realizaba o Camiño de Santiago en dirección a Fisterra xunto a un...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

Nunha mañá fría de xaneiro de 1936, ao pé do lume da lareira da Casa dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), Álvaro das Casas, escritor e dinamizador cultural do galeguismo, reuniu un grupo de colleiteiros do Ribeiro para propoñerlles a creación da Unión de Colleiteiros...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.