A Rede de Varamentos de Galicia-REVARGAL, posta en marcha no ano 1990 da man da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), fixo balance da súa actividade en 2024, socorrendo animais encallados ou en risco no noso litoral ou atendendo os exemplares mortos e investigando as causas do falecemento, cada vez máis relacionadas coa actividade humana.
Varamentos 2024
Durante estas primeiras semanas do ano, os técnicos da CEMMA estiveron revisando e cribando todos e cada un dos rexistros do 2024 concluíndo que o número de varamentos rexistrados en Galicia no pasado ano foi de 689 exemplares en total: 614 cetáceos (89%), 6 pinnípedos (1%), 32 tartarugas (5%), 23 quenllas (3%), e 14 lontras (2%). Ademais tamén foron rexistrados 17 peixes de diferentes especies (atún, peixe espada e peixe roda). O 69% dos rexistros concentráronse na costa ao sur de Fisterra, e só o 31% ao norte.

Estas cifras, que seguen a liña do ano 2023, que finalizara con 697 encallamentos (cetáceos, pinnípedos, tartarugas, quenllas e lontras), ademais de 17 peixes doutras especies, e que supoñen un incremento espectacular con respecto a calquera ano anterior ao 2022 e supoñen máis do dobre da media anual situada nos 270 exemplares entre 1990-2022.
Por concellos, habitualmente é Ribeira o concello que rexistra máis frecuencia, no 2024 tivo case 60 rexistros. Superaron os 30 exemplares anuais os seguintes concellos de Muros, O Grove, Porto do Son e Sanxenxo. Ademais, foron alén dos 20 exemplares ao ano os municipios de A Coruña, Bueu, Carnota, Ferrol, Fisterra e Vigo. Os concellos que anualmente rexistran o maior número de rexistros atópanse orientados ao mar aberto ou nas bocas das rías, cara ao interior das rías vai descendendo o número de varamentos.
A maioría dos exemplares varados corresponden ao golfiño común, Delphinus delphis, que con 614 individuos, representando o 74% dos cetáceos, tivo un incremento semellante o xa rexistrado o ano anterior, e quintuplicando a media anterior a 2022.
Seguido do arroaz, Tursiops truncatus, que con 46 exemplares no 2024 (8% dos cetáceos) esta especie case triplicou a media anual dos anos anteriores. En cambio outras especies como o caldeirón, Globicephala melas, e o arroaz boto, Grampus griseus, especies relativamente frecuentes no pasado foron rexistrados varados en moi baixa frecuencia, menos do 1%. Unha parte dos exemplares, 9%, non foron identificados polo seu estado ou porque non puideron ser examinados.

A CEMMA explica no seu balance que 2024 “destacou o alto número de tartarugas mariñas rexistradas, sobre todo tartaruga mariña común”. Destes animais, 10 tartarugas tiveron que ser trasladadas a rehabilitación; 8 destas tartarugas xa foron liberadas. Ademais tamén completaron a súa rehabilitación outras 5 tartarugas que ingresaran en 2023. Semellante situación coas tartarugas deuse en todo o Norte Cantábrico.
A maioría dos cetáceos apareceron varados mortos e moitos deles en avanzado estado de descomposición polo que se descoñece a causa da morte. O 10% foron rexistrados con vida, pero o alto número fai que as cifras sexan desorbitadas, con 70 exemplares vivos que foron reintroducidos no mar e que sobreviviron na maior parte dos casos.

A Coordinadora engade que neste 2024 non foron ingresados lobos mariños para rehabilitación. Cabe destacar o paso pola nosa costa do lobo mariño Oza, que non foi preciso recoller, e rematou desprazándose á costa portuguesa antes do verán e segue neste momento pola costa andaluza.
Ademais, no informe sinálase que do 42,1% dos cetáceos que apareceron en bo estado para ser valorados, máis do 30% presentaban indicios de morte por captura accidental en faenas pesqueiras e mesmo algúns foron entregados a Rede de Varamentos para o seu estudo, no caso do golfiño común esta proporción ascende ata o 50%. Outros exemplares presentaban indicios de mortalidade a causa de enfermidades naturais.
Desestacionalización e cambio de tendencia
A CEMMA fai saber que o forte incremento dos encallamentos no verán nestes dous últimos anos amosa “un cambio de tendencia de xeito que non se observa a estacionalización, dos anos anteriores con cumes de varamentos nos meses de inverno, sendo agora tamén moi alta a frecuencia de varamentos nos meses de xullo e agosto, o que fai pensar que se deban a outra causa que xa non é o mal tempo no mar, a pesar de que a maior parte das mortes está relacionada coas capturas accidentais”.
Este cambio de tendencia pode vir dado polo alto incremento da presenza dos golfiños comúns que observamos moi preto da costa e no interior das rías no verán o que ocasiona moitos encallamentos de diferente tipo e provoca que non descenda o número de encallamentos no verán, como era habitual noutros anos.

Entre as causas que esgrime a CEMMA atópanse as doenzas e a morte de golfiños por esgotamento extremo, pois chegan de lugares afastados extenuados e sen comer. Esta situación fainos ver que se están producindo cambio moi rápidos no océano que os animais non son que de asimilar, a súa resiliencia é levada ao límite e moitos non son capaces de superar as dificultades
Agradecementos
A CEMMA agradece o labor das Agrupacións de Protección Civil dos concellos, axentes ambientais do Ministerio e Gardería de medio ambiente da Xunta de Galicia que colaboran estreitamente coa CEMMA na detección e na asistencia en primeira instancia aos exemplares varados.



