Imos camiño do medio século da morte na cama de Francisco Franco, quen fora xefe do Estado español como consecuencia da cruel guerra civil que arrasou boa parte do país, estragou vidas e familias e enloitou a case todas estas por un ou outro motivo.
O signjficado do aniversario non vai pasar desapercibido; entre outros motivos porque o Goberno que preside Pedro Sánchez decidiu converter o ano 2025 recén comezado no da celebración de 50 anos sen Franco.
Verdadeiramente sen Franco, pregunto, ou a carón del malia todo?. Porque, ainda que non queiramos recoñecelo, o paso dos anos está a revitalizar a figura do ditador: Franco segue vivo na memoria de moitos españois e non sempre para mal. Cada vez son máis os menores de 50 anos que, con cánticos, uniformes falanxistas ou consignas preconstitucionais “resucitan” ao xeneral ferrolano que gobernou España con man de ferro durante 36 anos. Moitos dos que o aclaman, sen o ter visto nos telexornais nen, moito menos, no en boa hora desaparecido NO-DO e, a non digamos, en persoa.
A maior parte dos que acoden a concentracións -legais ou ilegais- portando bandeiras franquistas, só saben de Franco os rapaces e mozos que, no meu tempo, cantabamos “de orella” o himno de Riego e sen saber que significaba, nen moito menos por que se prohibía. Ven ser que se repite a historia: nin uns nin outros sabiamos ou saben de que vai a historia, pero o caso é armar bulla. Mais o certo é que a cada paso vai máis xente nova a ese tipo de concentracións/manifestacións, para min sen un coñecemento moi concreto de por que o fan. Berran, acenan, enarboran bandeiras non constitucionais e son quen de reprender aos que non comparten nin miga con eles dicires e sentires. É como se a razón estivera do seu lado en calquera caso e de xeito exclusivo. Tan lonxe da redalidade estamos a distintas xeracións, tan diversa é para uns e outros a interpretación dos acontecementos producidos nos derradeiros 75 anos como para non termos a mesma jnterpretación deles?.
Outros países da nosa contorna tiveron as mesmas ou moi semellantes vivencias. E sen embargo a proximidade entre esas xeracións non diverxe tanto como a que experimentamos entre os habitantes do Estado español.
Arrastraremos algún mal que fai que non poidamos ser un e ter sempre que esixir aos demáis unhas explicacións que non nos pedimos a nós mesmos?.
Terá todo unha explicación?.
…



