A borrasca Herminia deixa tras de si case 600 incidencias en Galicia relacionadas coa meteoroloxía adversa

26 Xaneiro 2025

A borrasca Herminia segue deixando pegada en Galicia cun total de 589 incidencias relacionadas cos episodios de meteoroloxía adversa, segundo os datos xestionados polo CIAE 112 Galicia. A maior parte destas incidencias tiveron que ver coa caída de árbores e pólas nas estradas, que sumaron 277 casos, seguidas de 53 situacións relacionadas con cables caídos, 43 obxectos varios nas vías, 28 derrubamentos e 82 intervencións dos equipos de emerxencias para evitar riscos maiores.

A provincia máis afectada foi A Coruña, onde se rexistraron 252 incidencias, seguida de Pontevedra con 216, Lugo con 96 e Ourense con 24. Entre os concellos con máis incidentes destacan Vigo, con 52 incidencias, seguido de Santiago de Compostela, onde se contabilizaron 23, e A Estrada, con 18. Outros municipios con alta incidencia foron Porriño e Pontevedra, con 10 casos cada un, e Cercedo-Cotobade, con 9. Na provincia da Coruña, ademais de Santiago, salientaron A Coruña e Padrón, con 8 incidencias en cada caso.

O impacto da borrasca tamén deixou unha serie de incidencias especialmente destacables. En Vigo, na rúa Conde de Torrecedeira, ás 14:40 horas, o 112 Galicia tivo constancia do desprendemento das placas do tellado do Instituto Politécnico, que supoñían un risco importante de caer á rúa. Informouse do sucedido á Policía Local para a súa intervención. Pouco despois, ás 14:55 horas, unha árbore caeu enriba dun coche na AC-544 ao seu paso por Sanamede do Monte, na Baña. Por sorte, non houbo danos persoais, pero foi necesaria a intervención dos axentes da Garda Civil para restablecer a seguridade na zona.

En Carballo, ás 15:15 horas, na rúa do Sol, parte dun andamio e do tellado dun edificio caeron á rúa, causando danos en varios coches estacionados. Foi necesario informar aos Bombeiros de Carballo, aos axentes da Policía Local e a Protección Civil. Ademais, en Cuntis, a partir das 16:15 horas, o 112 Galicia comezou a recibir avisos de inundacións en varias rúas do concello, o que obrigou a desaloxar vehículos para evitar situacións de perigo e fixo necesaria a intervención dos axentes da Garda Civil e da Policía Local, así como dos efectivos de Protección Civil.

Nesta ocasión, si que houbo que lamentar danos persoais. Ás 15:50 horas, na AP-9 ao seu paso por Vilaboa, un Garda Civil resultou ferido ao caerlle unha árbore enriba. De inmediato informouse ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que se encargou do traslado do axente ao Hospital Álvaro Cunqueiro. Ademais, solicitouse a intervención da Garda Civil e de Protección Civil. Pola contra, ás 17:10 horas, unha farola caeu enriba dun coche en circulación na saída de Celanova cara a Ramirás. Aínda que non se rexistraron feridos, foi necesario pasar aviso aos axentes da Policía Local e da Garda Civil, así como aos efectivos de Protección Civil.

A situación meteorolóxica continúa a ser complicada, e os servizos de emerxencias traballan sen descanso para facer fronte ás múltiples incidencias provocadas pola borrasca Herminia, polo que se pide á cidadanía que extreme as precaucións e siga as recomendacións das autoridades ata que mellore a situación.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.