Ocorreu a primeira hora desta mañá nunha das naves do polígono de Espiñeira, e non se rexistraron danos persoais.
Foi contra as 8:10 horas cando un particular alertou ao 112 Galicia de que vía lapas nun dos depósitos de gas da empresa boirense.
Nese momento, os xestores do CIAE-112 Galicia activaron un operativo para o que solicitaron a participación dos Bombeiros, da Policía Local e do Servizo Municipal de Protección Civil de Boiro. Ao mesmo tempo, informouse a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que non tivo que intervir.
Os Bombeiros traballaron nas instalacións xunto co persoal de mantemento da empresa, e confirmaron que estaban ardendo dúas tubaxes no depósito de gas. O lume foi atallado rapidamente sen que se vise afectado nada máis.
Finalmente, os equipos de emerxencias explicaron que o incendio orixinouse por un raio que caeu preto do lugar.