Toxo Telecom, no palmarés da XXV edición dos Premios Manuel Beiras

02 Decembro 2024

A operadora ribeirá de telecomunicacións Toxo Telecom, xunto con Ela Diz e Chichalovers, foron as empresas seleccionadas polo xurado na XXV edición dos Premios Manuel Beiras que este ano se presentou baixo o lema En galego, empresa/comercio + intelixente. As tres firmas recibiron os galardóns na tarde deste 2 de decembro nunha gala celebrada no Teatro Principal e presidida pola alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e pola presidenta da Cámara de Comercio, María Pais.

Ela Diz foi a empresa gañadora na categoría de uso continuado do galego. O xurado recoñeceu o labor da propietaria deste establecemento, procedente de fóra de Galicia, quen abriu un negocio de moda responsábel, converténdose nun “exemplo de integración e respecto á cultura de acollida”. Na decisión final, tamén se valorou a proxección que se fai “tanto da lingua como da tradición galega cara a un público tamén comprometido co pequeno comercio”.

Na modalidade de nova incorporación, o galardón recaeu na firma de Ribeira con sedes en Santa Uxía en Santiago (na costa da Camelia) Toxo Telecom. Na súa decisión, o xurado recoñeceu o “valor diferencial” co que utiliza a lingua esta operadora de telecomunicacións recentemente implantada en Compostela. Tamén se tivo en conta que o fai “cunha comunicación en clave de humor e próxima á clientela” e tamén “coherentemente como soporte de traballo interno”.

Finalmente, a categoría de comunicación innovadora foi para Chichalovers. A nova “bocatería, hamburguesería e tenda de cadea curta”, que “vincula a produción dunha granxa familiar co Mercado de Abastos e logo co establecemento” “pon en valor o territorio, o produto de proximidade e a nosa cultura cunha comunicación orixinal e desenfadada”, segundo a valoración do xurado.

Durante a gala, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, felicitou as tres empresas premiadas “que usan a nosa lingua sen complexos, que xogan con ela e que a colocan como parte da súa marca de identidade” e congratulouse de que tras 25 anos de traxectoria destes premios “temos hoxe un elenco variado e vizoso de comercios, locais de hostalaría, empresas de servizos, entidades grandes e pequenas, de sectores diversos, que forman unha paisaxe lingüística da que podemos sentir orgullo e que contribúe a que Santiago manteña os mellores resultados de uso da lingua de todas as cidades galegas”.

Goretti Sanmartín tamén recordou a figura de Manuel Beiras, “un veciño comerciante que se comprometeu coa comunidade da que formaba parte, no político, no cultural e do asociativo” que “contribuíu a esta Compostela orgullosa de si e de ser a capital dunha Galicia que conserva os sinais de identidade e lles dá sentido”.

Neste 2024, as accións publicitarias da XXV edición dos Premios Manuel Beiras convocados polo Concello de Santiago e a Cámara de Comercio xiraron arredor do lema En galego. Empresa/comercio +intelixente. Segundo explicaron Concello e Cámara, “tendo en conta que a Intelixencia Artificial (IA) vai camiño de converterse na nosa principal aliada pola súa eficiencia e rapidez á hora de dar respostas intelixentes e tamén que a IA ten claro que a lingua é un valor positivo nas relacións comerciais, facilita a conexión e achega confianza, procurouse chamar a atención sobre un recurso que os negocios teñen á man para poñerse en valor e conectar co público compostelán: o uso da nosa lingua”. E engadiron: “O galego é un elemento diferencial nun mercado cada vez máis global que establece vínculos coa comunidade; así o entende a IA e moitas empresas que o empregan de xeito habitual na súa comunicación”.

O xurado dos Premios Manuel Beiras estivo formado este ano por Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago, que o presidiu; Manuel Rial Amado, da Cámara de Santiago de Compostela; Gregorio Ferreiro Fente, da Secretaría Xeral de Lingua; Ernesto Xosé González Seoane, da Universidade de Santiago de Compostela; Xaquín Loredo Gutiérrez, do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega; Ainoha Apestegui Beriain, en nome do Colexio de Xornalistas de Galicia; Miguel López Crespo, da Unión de Consumidores de Galicia; Juan Soriano Barceló, de Entrelampo, Premio Manuel Beiras á nova incorporación ao uso do galego 2023; Ramón Salgado Fuentes, de Limpezas Salgado, Premio Manuel Beiras ao uso continuado da lingua 2023; e Xurxo López González, de ENova-Enerxía, Premio Manuel Beiras á innovación no uso da lingua galega 2023

O Concello de Santiago e a Cámara de Comercio colaboran desde o ano 2000 para lanzar unha convocatoria anual dos Premios Manuel Beiras, dedicados a recoñecer e poñer en valor as empresas que empregan habitualmente o galego na súa comunicación coa lembranza dun comerciante compostelán comprometido con Galicia, a cultura e a lingua galega.

Na gala tamén participou o secretario xeral da Lingua, Valentín García.

Outros artigos

Estabilizado o lume de Ribasieira (O Son)

A Consellería do Medio Rural informou de que o incendio forestal rexistrado no concello coruñés do Porto do Son, parroquia de Ribasieira, quedou estabilizado ás 18,15 horas de hoxe. O lume iniciouse ás 14,42 horas de onte e segundo as últimas estimacións provisionais...

+

Este mércores 23, comeza o outono logo dun verán de récord

Este verán foi o de maior número de días con temperatura máxima por riba dos 30 graos en Compostela, segundo datos do Observatorio Astronómico da USC Comeza o outono. Foto: Santi Alvite Ás 2:05 horas do mércores 23 dá comezo o outono no hemisferio boreal. Esa hora...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Axúdanlles moito máis aos estranxeiros que ás familias humildes da zona”. Observo como unha muller inmigrante, entregaba un cupón de alimentos, e saía do supermercado con dous carros repletos de comida, mentres que a unha veciña, sen apenas recursos, só lle dan unha...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.