
O Pazo de Goiáns converteuse esta fin de semana no epicentro da beleza floral coa celebración da XX Exposición da Camelia Sasanqua e outras, organizada polo Concello de Boiro. Preto dunha trintena de expositores reuníronse para amosar unha ampla variedade desta flor, considerada un símbolo distintivo da zona.
O acto inaugural contou coa participación da concelleira de Cultura e Turismo, María Outeiral, quen destacou a importancia desta mostra para o municipio: “A exposición da camelia é unha cita consolidada no noso municipio e o Pazo de Goiáns é xa un referente desta flor na comarca”. Durante a inauguración, celebrouse tamén a plantación dun novo exemplar de sasanqua procedente da Finca Chazo nos xardíns do Pazo.
A Escola de Música de Boiro puxo a nota cultural ao evento, e un photocall con traxes tradicionais galegos animou ás persoas asistentes a mergullarse na tradición. A mostra poderá visitarse o domingo en horario de 11:00 a 14:00 horas pola mañá, e de 17:00 a 20:30 horas pola tarde.
Como colofón á programación, inclúese un concerto titulado “Alalás e cantigas do Camiño de Santiago”, a cargo de Germán Díaz, Uxía e Sergio Tannus, ofrecendo unha fusión musical de gran calidade.
O Concello de Boiro reafirma con esta exposición o seu compromiso coa cultura e a promoción das riquezas naturais e patrimoniais da comarca.



