A marca Lirio de Ribeira, marca colectiva da OPP83, marcou un novo fito comercial neste ano que estamos a piques de rematar. Segundo fixo saber a Cooperativa Santa Uxía no seu balance, este peixe branco supuxo en 2024 a principal captura nas lonxas galegas en canto a volume e a terceira especie en ingresos, soamente por detrás da pescada e o peixe sapo. Amais, no que vai de ano, rexistráronse en Galicia máis de 18 millóns de kg de Lirio ou bacaladilla, sendo Ribeira a lonxa raíña con máis de 10,5 millóns de kg. Ademais, representou o 60% das descargas na capital do Barbanza.
“Coa compra deste peixe”, sinalan dende a cooperativa, “as persoas consumidoras asegúranse a adquisición dun produto pesqueiro de primeira calidade que cumpre uns esixentes estándares de frescura, sostibilidade e seguridade alimentaria, e esa garantía reflíctese por partida dobre no seu etiquetado”.

Lirio de Ribeira, un peixe fresco de calidade con dobre etiquetado
A Cooperativa Santa Uxía de Ribeira, OPP83, controla o cumprimento dos parámetros de calidade e especificacións técnicas establecidas para que os seus barcos asociados poidan comercializar Lirio baixo o abeiro da marca. Para a súa correcta localización e diferenciación por parte do consumidor, a OPP83 facilita aos compradores unha etiqueta na que figura o logo da marca numerada correlativamente para identificar as capturas do lirio que compren os requisitos. Esta etiqueta súmase á de rastrexabilidade (trazabilidade), que actúa como aval do proceso de captura, descarga e comercialización do produto “no que queda patente o cumprimento das condicións esixidas pola marca”, explican dende a Cooperativa Santa Uxía, engadindo que estas especificacións establecen que a marca Lirio de Ribeira aplícase a todas as capturas de Micromesistius poutassou, código WHB, capturado na zona FAO 27 con artes de arrastre tradicional e selectivo. Ademais, engaden, “a manipulación do peixe é mínima, realizándose con rapidez e coidado para evitar danos e preservar a súa calidade; e tras a selección de tamaños, deposítase coidadosamente en caixas de plástico con abundante xeo en escamas conservando unha temperatura de 0-4 ºC (a manter durante toda a vida útil do produto pesqueiro)”.

O seu nivel de calidade e frescura é Extra (E), segundo o criterio establecido polo Regulamento CE 2406/96, polo que se marcan as normas comúns de comercialización de produtos pesqueiros na UE. A calidade Extra indica que o Lirio de Ribeira é un peixe moi fresco que non tarda máis de 7 horas en descargarse na lonxa e que se comercializa nun máximo de 6 horas despois da descarga. Ademais da súa frescura téñense en conta características físicas relacionadas co olor, cor e textura: “O Lirio de Ribeira está limpo, sen danos, brillante, firme e recende a mar”, destacan dende a Cooperativa, sinalando que esta información (grao de frescura, zona de captura, método de extracción, etc) figura no etiquetado e “é garantía da rigorosa e segura viaxe que fai o Lirio de Ribeira do mar á mesa”.
Así, coa súa marca, a OPP83 reforza a rastrexabilidade dunha das principais especies capturadas polos seus socios, logrando así incrementar o seu valor.
“O lirio vendeuse nas lonxas galegas no que vai de ano a un importe medio de 1,03€, un 57% máis que en 2023, segundo datos de Pesca de Galicia”, conclúe o balance da Cooperativa Santa Uxía.