
O Concello de Ribeira, a través da Concellería de Cultura e Festexos e coa colaboración doutras áreas como Comercio, Turismo e Xuventude, elaborou unha nutrida e diversa programación de Nadal, con actividades culturais e de lecer para todas as idades e descentralizadas. Precisamente un dos puntos culminantes da programación arrincou esta pasada fin de semana, cando comezou (en Palmeira, no Pavillón) a xira de celebración polas parroquias (Nadal Pelegrín), incluíndo a presenza do carteiro real, inchábeis, obradoiros, discomóbil e moita festa.
Como dixemos, a xira empezou este sábado 21 de decembro no Pavillón Torres Colomer en Palmeira e proseguiu este luns 23 en Corrubedo, no Centro Social. As actividades proseguirán en Castiñeiras o 26 (na Casa da Cultura), o 27 en Artes (no Pavillón de Artes), o 28 en Aguiño (no Pavillón do CEIP Heroínas de Sálvora), o 30 en Oleiros (no Centro Social), o 2 de xaneiro en Olveira (no Pavillón de Sirves) e o 3 de xaneiro en Carreira (na Casa da Cultura).
O obxectivo desta xira foi conseguir que “neste Nadal todas as parroquias desfrutasen de inchábeis, visitas do carteiro real, obradoiros infantís de adobíos de Nadal e globoflexia e sesión disco musical”, informou o Concello, que tamén argallou unha gran festa para a Noite Vella (festexarase o remate do ano e comezo do novo cunha sesión de DJ Mateo Abelleira e Diego Tercero, incluíndo previamente unha ruada a cargo das charangas Os Celtas da Baña e a Fanfarria Furruxa).
Amais, ofreceranse 9 concertos de Rúas Musicais: Airband (sábado 14 de decembro na rúa do Sal ás 15.00 horas), Os Buguis (14 de decembro no Chiringuito Pedra Pateira ás 21h), D’Crooners (14 de decembro na Caseira, ás 23h), Os Buguis (venres 20 en A Taberna de Horse Luis, ás 21.30h), Chamaquito Pistolas (o 26 de decembro no Tagen Ata ás 20.30h), Leite con Jalletas (o martes 31 no exterior de A Recoveira ás 17h), Leite con Jalletas (o venres 3 de xaneiro no Liverpool Music Club ás 21.30h), Espiño Band (o 4 de xaneiro no Clandestino, ás 21h) e As Pandeireteiras de Tahume (o domingo 5 de xaneiro no Cocoluche, ás 13h).
A maiores, e xa poñendo o foco na rapazada, informar que o pasado venres 20 abríronse as portas do Recuncho de Nadal para que todas as nenas e nenos poidan deixar alí as súas cartas para o Pai Noel e os Reis Magos. Ao acto de apertura acudiu o Apalpador e tamén toda a familia dos Bolechas. O Recuncho, situado na praza de Pablo Neruda estará operativo até o 6 de xaneiro.




