O BNG reclama á Xunta no Parlamento un docente de pedagoxía terapéutica a tempo completo para o IES A Cachada de Boiro

12 Decembro 2024

A deputada do BNG, Rosana Pérez, levou ao Parlamento as demandas da comunidade educativa de Boiro para reclamar á Consellería de Educación que dote o IES A Cachada dun docente de pedagoxía terapéutica (PT), ao tempo que denunciou “os recortes no horario do coidador do CEIP de Abanqueiro que afecta negativamente tamén ao colexio Praia Xardín”, sinalou.

Nunha pregunta na comisión parlamentaria de Educación, Pérez recordou as mobilizacións non só dos pais e nais do IES A Cachada, senón tamén dos demais centros educativos de Boiro -co apoio da asociación comarcal de apoio ás familias e ás persoas con espectro autista BarbanTea- que, segundo dixo, “dende o mes de agosto reivindican a asignación dun PT en exclusiva para o IES, xa que agora conta cun único especialista a tempo completo e unha hora a maiores”.

“Estamos a falar de máis de 100 alumnos e alumnas, dun total de preto de 400 matrículas, que teñen necesidades educativas e, nomeadamente, de 37 que presentan necesidades especiais que só poden ser atendidas por un especialista”, argumentou a deputada nacionalista. Pérez dixo que o Goberno do PP “foi recortando os tres profesores de apoio que o IES A Cachada tiña non hai tanto tempo, sen ter en conta o aumento de casos, de maneira que é o propio profesorado non especialista o que completa o seu horario atendendo a este alumnado”.

Pérez advertiu que os recortes da Xunta “esténdense tamén ao CEIP de Abanqueiro, onde aínda tendo un número maior de alumnado con necesidades educativas, viu como se lle reducía o horario do coidador co que contaba no curso anterior a tempo completo, de tal xeito, que o ten que compartir co colexio de Praia Xardín que, á súa vez, dispón dun coidador que”, subliñou, “tampouco lle é suficiente e que reforzaron dous días a semana a conta precisamente do CEIP de Abanqueiro”.

A deputada nacionalista pediu “aumentar a dotación de coidadores no Praia Xardín”, logo de recalcar que as necesidades do alumnado con necesidades especiais “están sendo desatendidas”.  

Pérez dixo que o director xeral “non ofrece respostas a ningunha das situacións denunciadas, tanto no IES A Cachada como nos CEIP de Abanqueiro e Praia Xardín”.

Outros artigos

Domingo de Ramos, inestabilidade meteorolóxica nas Rías Baixas

As Rías Baixas continuarán baixo a influencia dunha atmosfera inestable o domingo de Pascua, 20 de abril. O ceo permanecerá parcialmente nubrado, con episodios de chuvia intermitente ao longo da xornada. As horas centrais do día presentarán unha menor probabilidade de...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Portas xiratorias, interese público”. José Luís Calo

“Portas xiratorias, interese público”. José Luís Calo

España ten moito que mellorar na loita contra a corrupción. O Grupo de Estadoscontra a Corrupción do Consello de Europa (GRECO) publicou dous informes deseguimento que avalían o cumprimento por parte de España das súasrecomendacións para previr a corrupción. O “GRECO”...