
Non se trata de atizar o lume -de por si abundante nas ringleiras autonómicas madrileñas- pero un tira a conclusión de que as augas do Manzanares baixan bastante máis revoltas do que sería normal, pola pretensión de se meter no seo da política conservadora española. A proba está, na miña opinión, en que mentres tanto Alberto Núñez Feijoo, presidente nacional do PP fai por querer movementos de aproximación a Junts, Isabel Díaz Ayuso, presidenta da Comunidade de Madrid, se reafirma cada día máis no seu afastamento do nacionalismo que cualifica de separatista para se centrar nun “nacionalismo” españolista que, tentando agrupar en torno á indivisibilidade de España, cada vez máis abre comportas ao rexeitamento a ese “madrileñismo” excluínte que semella ser único e imperante e que tan pouco cadra, mesmo en comunidades autónomas asimesmo gobernadas polo PP dun Feijoo que xa non fai ascos a Puigdemont para gobernar, de ser necesario, co apoio de Junts.
Díaz Ayuso xa o dixo coa boca pequena: a posibe aceptación por Feijoo de determinadas condicións que Junts poidera por para votar favorablemente unha hipotética moción de censura ao presidente socialista Pedro Sánchez, non lle corresponde a ela, o que da a entender que ela non apoiaría o que a presidencia do seu partido acordara en función das
necesidades deste para que Feijoo acadase a presidencia do Goberno.
Xustificaría daquela a presidenta madrileña esta manobra do seu presidente nacional; como a “vendería”, coñecedora de que o seu electorado tampouco concorda con ese tipo de solución?.
Estará abrindo Isabel Díaz Ayuso un novo portelo á desbandada do seu presidente nacional, repetindo así o sucedido con Casado?.
De se producir esta situación -que non é máis ca unha simple especulación- que podería facer o galego Feijoo, perdidos os feudos de Galicia e España?. Retornaría a Galicia con Ayuso en Madrid coma presidenta nacional do PP?.
Non o vexo.



