A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, reuniuse na tarde deste 12 de decembro co alcalde de Rianxo, Julián Bustelo.
Na xuntanza constataron “os avances rexistrados nas obras de construción da Base de Unidade Operativa (BUO) contra incendios forestais” desta localidade. Así, xa están executadas na súa integridade as cimentacións, a estrutura de madeira, as cubertas, as fachadas e a carpintería exterior e trabállase na parte de fóra, máis concretamente na drenaxe perimetral con gabias para saneamento e outras instalacións e no movemento de terras para o acceso dende a beirarrúa. Asemade, no interior estase construíndo unha entreplanta de madeira, tabiques e instalacións como electricidade, iluminación, datos e climatización.
Esta nova construción, que abrangue unha superficie de máis de 2.000 metros cadrados, contará cunha edificación de 263,65 metros cadrados e de planta baixa, para que o persoal do servizo de prevención e extinción de incendios poida conciliar traballo e descanso.
A edificación de Rianxo estará fragmentada en tres ás en forma de estrela, cunha aberta e as outras dúas consistentes nuns volumes pechados.
Nesta obra estanse a empregar materiais ecolóxicos e de reciclaxe, como son a madeira con selos FSC/PEFC -especialmente castiñeiro galego para a estrutura principal-, cortiza, vidro e aceiro, facendo destas instalacións edificacións bioclimáticas e coa máxima certificación enerxética.
A base disporá dunha área exterior cuberta de aparcadoiro para os vehículos do dispositivo. Así mesmo, no interior contan con circuítos de traballo, con vestiarios e duchas e, de xeito independente, zona de aseos. Na zona de estancia e descanso cóntase con dúas zonas de cociña, comedor e elementos de descanso, ademais dunha pequena área de despacho para a xestión da base.
