“José Blanco, expresidente de ACERGA, un amigo que se foi sen molestar”- Antón Luaces

09 Decembro 2024

A culpa foi dun problema cerebrovascular, que se levou ao amigo co que tiña pendente unha comida cando o barco llo permitise. Pero José Blanco Agraso -sorriso permanente, faciana amable, ollos ledos, mans plenas no saúdo e soñador impenitente de tempos mellores para a pesca do cerco- cando viña a A Coruña a resolver asuntos relacionados coa súa vida (o mar e a pesca) no tiña tempo nen para os amigos. O seu foi sempre defender o seu e o dos outros compañeiros do sector pesqueiro, atento sempre ao que decidían Bruxelas, Madrid e Santiago para esixir cotas de pesca, especialmente para os barcos que carecían delas. Non era quen de imaxinar un sector pesqueiro sen peixe que poxar nas lonxas capturado no Cantábrico-Noroeste. 

O xurelo, o bocarte, a sardiña ou a xarda eran para José “palabras maiores”, verbas sagradas. Como o eran o bonito, Ondarroa, Portosín e, para cabreo, o Golfo de Cádiz porque Josè, cabelo branco e nos ollos reflectido todo o mar que tanto amou  e defendeu, nunca entendeu que quen vende cota cota de sardiña a Galicia ou Portugal, reclame máis cota dese peixe a Bruxelas. Para que non pesquen os galego e os barcos andaluces fagan o agosto todos os anos, ou?, pregunteille non vai moito. Sorriu -ben llo notei, e iso que falabamos por teléfono- e non comentou ren. José sempre gardaba un trunfo ou un ás para matar o tres na brisca.

 “Temos que ir comer un día, Antón, cando o barco estes na Coruña”. E nunca tivemos tempo. Só nunha ocasión compartimos improvisada mesa con mantel de papel branco. Foi na carpa ou tenda de campaña que durante tres meses, un día tras doutro, os cerqueiros mantiveron en pé na campa de San Caetano, a escasos metros do edificio sede administrativa da Xunta de Galicia. Era o ano 2015 e os cerqueiros agrupados -uns douscentos- na asociación de Armadores do Cerco de Galicia (ACERGA) reclamaban solucións para este subsector. No acampamento de San Caetano, homes, e mulleres compartían traballo e os funcionarios da Xunta facían que non vían, o Goberno de Madrid non entendía o conto e Bruxelass non sabía que era a pesca de baixura. Así durante tres meses. Para só chegaren a un pequeno entendemento. “Non saben en ningures que é a pesca do cerco, a baixura. Somos unha illa no mar administrativo, amigo. Imos ter que derrubar o valo coa proa ou turrando co aparello do maquinillo administrativo”, dicíame. E non aprenderon, non. Fixeron o que lles petou. 

Seis anos coma presidente de ACERGA. Remudas na directiva, na Xunta, no Goberno, na UE e José Blanco, un dos máis veteranos armadores do cerco de Galicia estará agora á espreita por se fose necesario botar unha man dende o máis aló á frota de baixura, aos seus cerqueiros para que Galicia volva ser a potencia pesqueira que foi. 

Calquera día, amigo José Blanco Agraso, haberá solución e poderemos xantar xuntos, sen que o barco o impida. Boa proa, compañeiro,

Outros artigos

““Dictador perpetuo”. José Luis Calo Gonzalez

José Luis Calo González. Coordinador UCIN GaliciaQue é un real decreto “ómnibus” e cando recorren a el as administracións.Chámaselle así aos decretos lexislativos que agrupan diversas medidas oureformas de diferentes ámbitos, permitindo a súa aprobación conxunta,...

+

“Contestación al PP de Galicia”. José Manuel Pena

Como portavoz de la Plataforma "Stop Desahucios" del Barbanza, que llevamos quince años trabajando y luchando en favor del Derecho a la Vivienda y defendiendo a las familias vulnerables que no pueden pagar sus hipotecas o rentas de alquiler, no puedo dejar pasar unas...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión