“Festas cheas de lembranzas inesquecibles: vai por eles” – Antón Luaces

26 Decembro 2024

Hai unha lotaría que sempre toca nos últimos días de decembro. Estes chegan sempre disfrazados de ensoñacións: un pai que non está e que nos da a impresión de que senta á mesa cos demais; uns pais que reviven o pasamento do fillo que non vai volver; os irmáns que marcharon para sempre a idade temperá; a esposa, ás bágoas de avoa porque xa non está na casa aquel fillo que se encargaba sempre de atizar o lume na lareira con leñeira para o toxo e as cachelas de pino seco que quecían o  café sempre a punto… 

Ensoñacións penduradas no salgueiro dos anos para os que están e os que quixeran estar, permanecer, seguir a contar as badaladas do reloxo da vida instalado na sala porque sempre hai alguén que se vai cando non se espera..

Por todos eses que se foron os nosos devanceiros mantiñan o lume aceso (por se cadraba que pasaran de preto e entraran a tomar un cafeíño quente) e unha cadeira disposta na mesa para que un dos ausentes fixera un alto no camiño para saborear unha cunca de caldo de verzas, unto e fabóns. Ao fondo, un alzadeiro de madeira pintada de azul onde o avó gardaba unha navalla de Taramundi. 

Todo eran ausencias naquela cociña de piso de terra pisada na que as galiñas que se coaban pola porta da eira atopaban migas de pan ou grans de millo ou de trigo perdidos no constante ir e vir das mulleres da familia. Ausencias que se multiplicaban en ocasións máis propias da celebracións ca do pranto por aquel/aquela que non chega. A lotaría que non falla, non. Como non fallaba na pedra de amolar o fouciño.

Setenta anos dempois, da casa só quedan cascallos após ter cumpridos máis de tres séculos en pé, con tellado a seis augas e unha corte ampla na que se contaron historias da Lucera, a Parda, a Xovenca, nomes que se repetían para non esquecer cales eran boas para o rego e cales para o carro.

 Na cheminea, un fío de fume, sinal de que -unha e outra vez- algunha pota está ao lume.

 En Galicia, onde hai fume case que sempre hai algo que xantar. É a nosa lotaría, esa que tan poucas veces se canta en Nadal ou Reis.

Outros artigos

“Comunidade de montes” – José Manuel Pena

As Comunidades de montes desenvolven un importante labor social nos espazos rurais, ademais de ser unhas ferramentas comunitarias e veciñais fundamentais para afrontar a realización de diferentes melloras nas parroquias. Para iso necesítase realizar unha boa xestión e...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“O forno de leña”. Luís Celeiro

“O forno de leña”. Luís Celeiro

Os daquela xeración que naceron antes dos anos sesenta do século pasado (moi lonxe e moicerca, ao mesmo tempo) lembran como se facía o pan de cada día nos fornos de leña. Decada día ou de cada mes. Lembran o pan prestado polo veciño e saben que se devolvía aococer,...