Estampas: “E a vida foi. Rosa de Calzas Brancas: unha tixola de ferro para tortillas de cavador” – Antón Luaces

29 Decembro 2024

Tiña práctica, moita, en asentar/afiar/amolar a gadaña. Segaba a herba dos regadíos cun ritmo acompasado dos seus brazos que levaba a pensar que tardaría moi pouco tempo en deixalo “pelado”, cos seus regachos repartindo auga por toda a extensión da Chousa. A avoa movía o seu corpo da cintura para baixo, máis ríxido ds cintura enriba. Falaba en semitono, como non querendo molestar. Ela era quen encaldaba as vaca -verzas, patacas, cabaza, sal e auga fervidas no pote- e quen, na corte, ceibaba o cuxo para que mamase e engordara axiña para o levar canto antes á feira de Mera e así dispor duns reás para o día a día: aceite, xabrón e pan de choca na tenda de Bautista e viño, na taberna da Lama. A avoa non cociñaba moi ben, pero facía unha lediciosa tortilla con torresmo na tixola de ferro sobre un lume de toxo.

Irmá de tres mulleres e dous homes, do seu matrimonio cun carpintero parira catro fillos: tres homes e unha muller, dos que conservara dous varóns e a femia. Era Rosa de Calzas Brancas, así alcumada por se calzar seu pai desa guisa.

Rosa naceu nos remates do século XIX e os seus fillos vivos, entre 1920 e 1939. Os tres foron escolarizados. Con amor infindo chorou a longa ausencia do primeiro varón, chamado á guerra de Franco, feito do que culpaba ao párroco e á Falange. Reconciliouse co crego da parroquia, mais non con Deus, a quen culpou en anos posteriores da morte dese mesmo fillo após exclamar diante do seu cadaleito: “Se Deus fose bo, nunca permitiría que unha nai vise morrer un fillo”. Antes, Rosa de Calzas Brancas viu morrer ao seu home, compañeiro durante máis de 40 anos na casa de amplo alboio, catro cuartos, unha sala-comedor, un retrete e unha corte para tres ou catro vacas, outra máis pequena para unha cabuxa e varios coellos, un hórreo con tornarratos de pedra e corpo de madeira sen molduras relixiosas. No alboio, un forno de leña; e na cociña, unha ampla cambota cubría unha máis ampla lareira con trepia. A carón, unha artesa que servía de mesa, dous amplos bancos e catro tallos. Do teito de madeira de castiñeiro, por partes afumado, penduraban senllos xamóns, amplos lombos de touciño, un par de lacóns, unto, pingo ou ensulla de galiña e media ducia de espigas de millo disposto para ser refregado para os animais do galiñeiro, este levantado debaixo da viña de uva tinta e con dous pexegueiros no espazo interior. 

As portas da casa, unha por cada banda, ambas as dúas de poxigo. E no pousadoiro da cociña, unha sella de madeira con cinchas de folla de lata e un cazo para servir aos usuarios dela. Rosa non rezaba lero, á súa maneira, non cría en Deus.

“Non fago dano a ninguén e a ninguén teño que pedir perdón. Pero que Deus me perdoe se peco.

Esta era Rosa de Calzas Brancas, que finou un día pola mañá, cando a casa da aldea arrecendía a café e no souto ecoaban os corvo. Na cheminea , un fío de fume. A media mañá tocaba a difunto a única campá da igrexa. O párroco ultimaba na sancristía a documentación oara o enterro. Un merlo pousou con presa no buxo da Laxe, este ano sementado a raño con pataca.

É a estampa.

Outros artigos

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

Nunha mañá fría de xaneiro de 1936, ao pé do lume da lareira da Casa dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), Álvaro das Casas, escritor e dinamizador cultural do galeguismo, reuniu un grupo de colleiteiros do Ribeiro para propoñerlles a creación da Unión de Colleiteiros...

+

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

LA SOCIEDAD DESLUMBRADA Es más que probable que estemos viviendo deslumbrados, ciegos de tanta luz y de tanta pantalla, concibiendo ilusiones y expectativas vanas, ofuscados, enceguecidos. Creo que la palabra que todo lo puede sintetizar, al menos lo que quiero...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.