Conclúe a investigación iniciada tras o descubrimento dun semisomerxible na Ría de Arousa

18 Decembro 2024

A maxistrada do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Vilagarcía finalizou a investigación aberta por mor do descubrimento, o 13 de marzo de 2023, na ría de Arousa, dun semisomerxible de nome El Poseidón, que tiña parte da súa estrutura afundida e, a outra, asomando sobre a superficie. A xuíza explica no auto no que dá por concluída a instrución que a embarcación, polas súas características e tipoloxía, segundo datos policiais, é das que son utilizadas para a realización de transporte marítimo transatlántico de substancias estupefacientes.  

A titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Vilagarcía explica na resolución que os indicios, entre eles as deteccións de lanchas realizadas polo Sistema Integrado de Vixilancia Exterior, así como o visionamento de imaxes de cámaras orientadas ao mar, permitiron concluír que unha serie de embarcacións serían utilizadas para a suposta descarga de substancia estupefaciente que presuntamente portaba o semisomerxible.

Por iso, a maxistrada instrutora acordou a entrada e rexistro da nave dunha empresa, cuxo administrador único é un dos investigados (J.M.V.P.), onde foron descubertas embarcacións que, polas súas características, “terían por finalidade a de ser utilizadas para operacións de carga ou transporte marítimo de substancias estupefacientes ou tabaco”. Ademais, destaca que, a partir dos datos facilitados polas compañías operadoras das antenas repetidoras que dan cobertura á zona na que se atopa a nave, se tivo coñecemento de que o número de teléfono do administrador da empresa se encontraba activo nese lugar en diferentes horas durante a madrugada do 12 ao 13 de marzo de 2023.

Unha vez terminada a instrución, a xuíza acordou a continuación das actuacións polos trámites do procedemento abreviado por se os feitos investigados relativos ao administrador da empresa puidesen ser constitutivos dun delito de contrabando consistente na tenza de embarcacións constitutivas de xénero prohibido. Ademais, acordou o sobresemento provisional respecto aos outros seis investigados, tal e como solicitara o Ministerio Fiscal, ao entender que non concorren indicios suficientes da súa participación nos feitos.

A maxistrada deu traslado das actuacións ao Ministerio Fiscal e, no seu caso, ás demais acusacións persoadas, se as houbese, para que no prazo de dez días soliciten a apertura de xuízo oral, formulando escrito de acusación, solicitando o sobresemento da causa ou, excepcionalmente, a práctica de dilixencias complementarias indispensables para presentar a acusación. O auto non é firme, pois contra el cabe presentar recurso.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La cantina móvil de Cruz Roja”. José Castro López

“La cantina móvil de Cruz Roja”. José Castro López

Las mejores iniciativas sociales suelen ser también las más sencillas, no necesitangrandes edificios ni presupuestos millonarios, basta una buena idea y la voluntad deponer a las personas en el centro. Ocurre con muchas propuestas, tanto de iniciativaprivada como de...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.