Este sábado 28 de decembro o Centro Cultural Simón Varela de Asados, no concello de Rianxo, acolle unha Chilulatada de Nadal para festexar estas festas sinaladas con xogos, música (panxoliñas), sorteos, sorpresas e alegría. A cita, organizada por A Leoria coa colaboración do Concello de Rianxo, comezará despois de xantar, ás 17.00 horas, cun obradoiro de xogos tradicionais que contará coa presenza dun dos grandes escritores de literatura infantil do panorama galego: Antón Cortizas. Logo, ás 18.30 horas, será a quenda da música, cun espectáculo infantil de Mamá Cabra. A música proseguirá sobre as 19.30 horas coas panxoliñas da Coral Abraira e cancións e melodías tradicionais galegas a cargo de Río de Anxo. A festa rematará con sorteos e lambonadas.




