A Xunta celebra os legados de Castelao e Díaz Pardo no calendario do libro e da lectura do vindeiro ano

11 Decembro 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, deron a coñecer o Calendario do Libro e da Lectura de Galicia para o vindeiro ano, que inclúe datas de homenaxe ao escritor, debuxante e político rianxeiro Alfonso Rodríguez Castelao con motivo do 75 aniversario do seu falecemento e a Isaac Díaz Pardo, a quen se lle dedica no 2025 o Día das artes galegas.

O conselleiro explicou na presentación do cartel conmemorativo do almanaque, obra do ilustrador Carlos Gallego Domínguez, que “esta planificación ao redor das efemérides que temos ao longo do ano é unha importante ferramenta de dinamización cultural nas bibliotecas”.

Para o 2025, o responsábel de Cultura do Goberno galego destacou a conmemoración do 75 aniversario de Castelao, lembrando o anuncio que realizou no Parlamento sobre a declaración do Ano Castelao de maneira que “aproveitemos este acontecemento como nexo de unión a favor da nosa cultura e da nosa lingua cunha extensa programación enfocada desde moi diversos ámbitos”.

Así, o programa do Calendario do Libro e da Lectura comezará o 7 de xaneiro, o día no que faleceu o intelectual galego, que será protagonista tamén o día 30 dese mes, xa que o artista Xosé Vizoso terá un recordo para el polo Día da ilustración. O 1 de abril será cando a actividade se centre en Isaac Díaz Pardo, coincidindo co propio Día das artes galegas, aínda que contará todo o ano cunha ampla oferta de accións como tamén sucederá co Día das letras galegas (17 de maio) que nas bibliotecas xirará ao redor do cancioneiro popular galego.

Como novidade con respecto ao ano anterior, as bibliotecas galegas celebrarán o 17 de outubro o Día do patrimonio inmaterial, mentres que o 27 será o Día da corrección de textos e o 22 de novembro o Día da música.

Programación mensual

A Lei do libro e da lectura de Galicia establece a elaboración deste calendario para fomentar a lectura e a normalización da presenza do libro en todos os sectores da sociedade.

Ademais das datas mencionadas, no mes de xaneiro terá lugar o Día do usuario (sábado 11) e o das biblioteca móbiles (martes 28). A estas propostas sumaránselle en febreiro o Día da lingua materna (venres 21) e o nacemento de Rosalía de Castro (domingo 23).

Para marzo están previstas as celebracións do Día do cómic (luns 17), da narración oral (xoves 20), da poesía (venres 21) e do teatro (xoves 27).

Xa en abril, ademais da actividade centrada de en Isaac Díaz Pardo, o protagonista será o Día do Libro (mércores 23), conmemoración á que se lle sumarán o libro infantil e xuvenil (mércores 2) e o Día da propiedade intelectual (sábado 26).

En maio, alén da Letras Galegas, concéntranse o Día da Liberdade de Prensa (sábado 3), o Día dos Museos (domingo 18) e o Día da Diversidade Cultural (mércores 21). Mentres, para xuño organizaranse propostas polo Día dos arquivos (luns 9) e en xullo ao redor do libro electrónico (venres 4) e da comprensión lectora (sábado 26).

Setembro é o mes para celebrar a alfabetización (luns 8), o Día Europeo das Linguas (venres 26) e a tradución (martes 30). Para outubro, ademais do Día do Patrimonio Inmaterial e da corrección de textos, o calendario xirará ao redor das escritoras (luns 13) e das bibliotecas (venres 24).

O final de ano virá cargado de actividades co Mes da Ciencia en Galego nas bibliotecas durante novembro, que tamén conmemorará o Día de Preservación Dixital (domingo 2), o Día da Lectura en homenaxe ao nacemento de Xosé Neira Vilas (luns 3), o Día das Librarías (martes 11), o Día do Patrimonio Cultural (domingo 16) e o Día da música (sábado 22). Rematará a planificación en decembro co Día da Edición, centrado no aniversario do nacemento de Ánxel Casal (mércores 17).

Outros artigos

A Volta de Gloria preséntase en FITUR

A Volta de Gloria, o primeiro itinerario cultural e paisaxístico circular baseado en dúas Rutas Xacobeas (o Camiño de Fisterra Muxía e o Camiño da Ría de Muros Noia), fixo a súa presentación este venres 24 de xaneiro oficial en FITUR, a feira turística estatal de...

+

Sábado 25, marcado por chuvascos, frío e neve en cotas altas

Tras o paso dunha fronte durante a madrugada, Galicia quedará este sábado baixo a influencia dunha masa de aire frío, que deixará ceos parcialmente cubertos e precipitacións intermitentes ao longo da xornada. Os chuvascos serán máis frecuentes durante a mañá, con...

+

Ambar anuncia as últimas prazas da Formación de Cociña e Pastelería

O 17 de febreiro comezará no Centro de Recursos da Asociación Ambar das Persoas con Diversidade Funcional a formación de Cociña e Pastelería dirixida a persoas con diversidade funcional.Os Requisitos para inscribirse son: Ter unha diversidade igual ou superior ó 33%....

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

““Dictador perpetuo”. José Luis Calo Gonzalez

““Dictador perpetuo”. José Luis Calo Gonzalez

José Luis Calo González. Coordinador UCIN GaliciaQue é un real decreto “ómnibus” e cando recorren a el as administracións.Chámaselle así aos decretos lexislativos que agrupan diversas medidas oureformas de diferentes ámbitos, permitindo a súa aprobación conxunta,...