Este martes 26 de novembro inaugurouse na Casa da Xuventude de Ribeira a primeira quenda das dúas programadas dirixidas a profesionais que traballen directamente coa infancia, no ámbito sanitario, educativo, social, xudicial, ocio e deportes, máis forzas e corpos de seguridade. O obxectivo será mellorar as competencias profesionais para a aplicación da LOPIVI (Lei Orgánica 8/2021, de 4 de xuño, de protección integral á infancia e á adolescencia fronte á violencia) e para a implantación das novas figuras que introduce esta Lei. Figuras como a coordinadora de Benestar nos centros educativos e o de delegada de protección nas entidades de deportivas e de ocio e tempo libre.

Dende o departamento de Servizos Sociais informaron que estas xornadas superaron tódalas expectativas quedando xente na lista de agarda.
A apertura oficial das xornadas contou ca presenza do rexedor, Luís Pérez Barral, as relatoras da xornada, lnma Arauja López, psicóloga, Aida Blanco Arias, avogada, a coordinadora dos Servizos Sociais do Concello, Francisca Vidal e a educadora social e promotora das xornadas, Iria Alén.
Durante os días 26 e 27 de novembro os asistentes recibirán formación para sensibilizar, asesorar e dotar de ferramentas profesionais para a prevención e detección precoz de toda forma de violencia contra a nenez, para mellorar a coordinación dos axentes locais implicados coa infancia e, tamén, para favorecer un espazo de encontro, reflexión e aprendizaxe para a xeración de contornas protexidas para nenos e adolescentes. Búscase tamén crear unha mesa local de infancia e adolescencia entre as persoas asistentes que queiran participar.

Pérez Barral sinalou a importancia destas xornadas, “a protección da infancia, alén de ser unha responsabilidade legal; é un compromiso ético e social que nos debe ocupar a todas e todos. Desde as institucións públicas ata os profesionais da educación, da saúde, do deporte e do ocio, temos a obriga de construírmos contornos seguros e protectores para que as crianzas e adolescentes poidan medrar nunha contorna de respecto, apoio e liberdade”.
O rexedor expresou o seu agradecemento ás profesionais que compartirán os seus coñecementos e experiencias, así como ás persoas asistentes, pola súa “vontade de sumar esforzos e asumir responsabilidades nesta tarefa tan necesaria”. Tamén agradeceu o traballo dos “equipos que fixeron posíbel esta xornada”.
Para finalizar Barral falou do compromiso do seu equipo de converter o Concello de Ribeira nun referente na protección da infancia e adolescencia. “Porque investir no bo trato e no benestar dos máis novos é construír un futuro mellor para toda a sociedade”, sinalou.



